Sen case decatarme, xa pasou o mes de maio. Alguén sabe como facer para que o tempo pase máis amodo?
Quen, seguramente, están moi ilusionados con que pase o tempo rápido e chegue xa o día de Corpus son os nenos da parroquia, que o domingo comulgarán por primeira vez. Non sei se eles son conscientes do que iso supón. Non sei se os veciños que preparan a festa dese día son conscientes de que todo se debe a que o noso Deus quixo estar entre nós na Eucaristía. Porque iso é a festa do Corpus Christi: honrar a presenza real de Xesucristo na Eucaristía.
Estamos ante un misterio grande, é verdade. As ideas poden ser cuestionadas, pero non así as experiencias. Tampouco é necesario desprenderse da razón cando nos poñemos ante Deus; xa que sería unha gran contradición, pois o mesmo Deus foi o que nos deu a razón e a intelixencia, tamén para que nos axudase a coñecelo. Cando nos poñemos ante Deus temos que facelo con moita confianza, pero para nada é contraria á razón. De Xesucristo podémonos fiar: é o amigo que nunca falla.
O día de Corpus, Xesucristo sae na Eucaristía polas rúas dos nosos pobos e cidades. O mesmo que, todos os días do ano, no silencio e nas moitas horas de soidade no Sagrario, fai de corazón para que o mundo teña vida, e vida abundante.
Quizais non ten moito sentido que este día saiamos a velo cando todo o ano o temos esquecido. Corremos o perigo de non saber recoñecelo. En calquera caso, na procesión do domingo de Corpus, fai a proba de mirar a Xesucristo e de deixarte mirar por el. Fálalle de ti e deixa que el che fale no mais fondo do teu ser. Non teñas medo do que Xesucristo poida dicirche ou pedir, pois será todo para o teu ben e nada que non poidas facer.
Se tes problemas de entendemento con el, fálalle unha vez desde a sinxeleza e a sinceridade, xa sabes que falando enténdese a xente.
Desde aquí tamén vos pido oracións polos nenos que celebran a Primeira Comuñón. Tamén polos seus pais e irmáns. Rezade para que neste día poidan atoparse con Xesucristo e non se quede todo en superficial capa de verniz que só brille ese día. Estes nenos non o van a ter doado. Lamento ser pesimista, pero non o van a ter fácil. Xa sei que me dirán que non lles vai faltar a axuda de Deus, pero tamén é verdade que a axuda de Deus adoita vir por medio das persoas que están ao noso carón: familia, profesores, amigos, veciños… Deus non falla, pero os seus mediadores si que podemos fallar.
Miguel Ángel Pérez
Párroco da Fonsagrada