O traballo é parte constitutiva da realización do ser humano: de cada persoa, que dá forma responsablemente á súa vida, ás súas relacións fundamentais cos demais; e de toda a sociedade, que é construída, subsiste e pode progresar co traballo.
Por iso, no traballo reflíctense todos os problemas persoais e as tensións que vive a sociedade. E tamén por iso urxe falar dun traballo “decente”, que respecte a dignidade humana -a xustiza necesaria nas relacións laborais-, e cumpra co seu fin de permitir desenvolver a vida persoal e familiar, de participar na común vida social, económica e política.
As actuais circunstancias, determinadas pola pandemia, inflúen inevitable e decisivamente tamén neste ámbito. Por unha banda, obrigan a loitar por algunhas das súas condicións elementais: manter o emprego e soster as empresas, por exemplo, coa axuda de diversos instrumentos sociais. Doutra banda, obrigan tamén a maior flexibilidade e capacidade de adaptación -por exemplo, no teletrabajo-, ás veces a esforzos extraordinarios ou mesmo a correr riscos para a propia saúde. Certamente, a iso correspondería tamén un xusto recoñecemento e retribución.
Pero aparecen igualmente moitas tensións na nosa sociedade e, en primeiro lugar, o crecemento do desemprego e as consecuencias da paralización económica. Pola súa importancia capital, hai que dar prioridade a todos os esforzos por salvagardar o traballo e de forma que sexa “decente”, a pesar de atoparnos nesta especial situación.
Ao mesmo tempo, as consecuencias da crise tamén espertan preocupación pola dignidade do traballo en ámbitos en que este se mantén. O mundo educativo pode servir como exemplo da urxencia de facer posible o cumprimento digno da súa responsabilidade polos traballadores, ante as esixencias da aplicación das normas sanitarias ou ante o incremento de horarios, cargas e tarefas.
Noutros ámbitos laborais, as presións poden ser grandes igualmente. Cabe pensar nas moitas cuestións de conciencia que poden aparecer no mundo sanitario ou no do coidado dos maiores nas residencias, nas que, ademais do risco para a propia saúde, os traballadores poden atoparse confrontados co desafío de non poder atender axeitadamente a persoas necesitadas, ou de verse obrigados a opcións ou actuacións ás que moralmente se faría obxección. Son condicións de traballo nas que a dignidade da persoa pode estar en cuestión. Dificultades semellantes, agudizadas pola crise, poden aparecer tamén noutros ámbitos laborais, por exemplo o dos medios de comunicación, onde os intereses e presións de centros de poder económicos e políticos poden erosionar as condicións dun traballo decente.
E, por suposto, dificultades semellantes e moitas máis atoparán, en particular, quen viñeron como emigrantes ou se refuxiaron entre nós. É urxente, nestes casos, garantir a dignidade das súas condicións de traballo, considerando ademais que están faltos da gran rede de apoio que significan a familia e as relacións máis próximas.
A defensa dun “traballo decente” é unha esixencia de conciencia e unha prioridade social nestas circunstancias. Non esquezamos, para iso, o significado enorme da familia: non só se sostén polo traballo, senón que, á súa vez, sostén aos traballadores, fai posible a súa resistencia nas dificultades, defende no desemprego, mantén vivas as razóns do propio esforzo. Urxe, pois, defender á familia nestas circunstancias de crises.
Defenderemos así tamén á sociedade, como lugar no que será posible traballar con toda dignidade. Coidemos esta nosa “casa común” social, ademais da natural. Non deixemos que a danen irresponsabilidade, mentiras ou inxustizas; salvagardemos o respecto mutuo, os espazos sociais e políticos de liberdade, as formas da convivencia en paz.
A esta defensa do ben común, no próximo do posto de traballo ou da propia familia, e no horizonte máis amplo da sociedade, chámanos a nosa conciencia, solicitada pola celebración desta Xornada mundial e máis aínda pola propia fe, que a mantén viva e esperta: non é posible amar ao próximo e non facerlle xustiza, dicir que se lle respecta e non facer caso das condicións en que ha de vivir parte tan esencial do seu ser persoa como é o traballo, ou desinteresarse da xusta ordenación da vida social coma se non tivese consecuencias para persoas e familias.
Pidamos ao Señor Xesús que nos bendiga, a nós e a toda a nosa sociedade, para que saibamos tomar as mellores decisións ante o desafío desta pandemia, tamén polas súas repercusións no mundo do traballo. E que nos axude a gardar viva a fe, a esperanza e a caridade nestes tempos de crises, vencendo os virus da alma, a inxustiza e a dureza de corazón, o egoísmo e o desprezo do pobre, de maneira que saibamos ver as necesidades os uns dos outros, non pechemos os ollos ante as esixencias de dignidade e de traballo do noso próximo.
+ Alfonso Carrasco Rouco
Bispo de Lugo