Nos, Dr. D. Alfonso Carrasco Rouco, pola gracia de Deus e da Sede Apostólica, Bispo de Lugo.
É moi grande hoxe a urxencia do coidado da fe do Pobo de Deus, de promover unha vida cristiá que se alimente constantemente das fontes sacramentais da gracia, de procurar que as nosas comunidades eclesiais sigan sendo próximas, visibles, accesibles en todo o noso territorio, para que o coñecemento e o amor do Señor Xesús permanezan vivos e transformen as nosas existencias e a nosa sociedade.
Por iso, xa no ano 1996, no Consello Presbiteral, presidido polo meu venerado predecesor Frei José Higinio Gómez González, creouse unha comisión de estudo para determinar e planificar as “zonas pastorais”, para estudar a presenza da Igrexa diocesana e reordenala para unha mellor actuación pastoral.
Os cambios demográficos e sociais vividos desde entón, que afectan tamén á vida da Igrexa na nosa terra, fixeron cada vez máis necesario afrontar a nova situación pastoral, sobre todo nas nosas comunidades rurais.
Levouse a cabo así na nosa Diocese, a partir do curso 2009-2010, unha reflexión sistemática, coa finalidade de atopar o mellor modo de que as nosas comunidades eclesiais, presentes no rural, poidan seguir sendo lugar de vida, de celebración e de transmisión da fe.
Nesta reflexión, guiounos a preocupación de espertar de novo a conciencia da prioridade da fe, da presenza do Señor, que nos constitúe como Igrexa no don do seu Corpo e do seu Sangue. É sen dúbida necesario, para que a fe permaneza, afirmar a pertenza a Cristo por encima doutras consideracións sociolóxicas e, por tanto, salvagardar o significado pastoral primario da convocación dos fieis á Eucaristía dominical.
Este camiño de reflexión fíxose en diálogo cos sacerdotes por arciprestados, así como co Consello de Arciprestes en varios encontros. Consultouse igualmente ao Consello Presbiteral en diversas ocasións. Procurouse, por outra banda, dar tempo suficiente e materiais para un diálogo con todos os fieis; así como para a acomodación desta proposta ás circunstancias das persoas e os lugares.
Neste proceso recibimos recentemente o impulso do Papa Francisco, que pediu con forza á Igrexa unha “conversión pastoral”: “non podemos quedarnos tranquilos, en espera pasiva nos nosos templos” (EG 15); habemos de “avanzar polo camiño dunha conversión pastoral e misioneira, que non pode deixar as cousas como están. Xa non nos serve unha simple administración” (EG 25). E sobre a parroquia, dinos concretamente que, “se é capaz de reformarse e adaptarse continuamente”, de “estar en contacto cos fogares e a vida do pobo”, poderá ser “presenza eclesial no territorio, ámbito de escoita da Palabra, do crecemento da vida cristiá, do diálogo, do anuncio, da caridade xenerosa, da adoración e a celebración” (EG 28).
Agora, escoitando en concreto a proposta dos presbíteros pertencentes ao arciprestado de Abeancos e seguindo as indicacións que ofreceron en vista das formas pastorais adecuadas ao seu territorio e ás súas circunstancias, para que todos os fieis, tamén aqueles que viven no medio rural, poidan participar na Eucaristía dominical e nunha vida de Igrexa con todas as súas dimensións esenciais, decidín a distribución das parroquias do arciprestado en unidades pastorais, en cada unha das cales, salvagardando a integridade de cada parroquia, garantirase a existencia dun lugar de referencia ou centro interparroquial onde se celebre cada domingo a Santa Misa e se faga visible e experimentable a fraternidade cristiá, signo e instrumento imprescindible da vida, a maduración e a transmisión da fe.
Por todo iso, polas presentes DECRETO
A Reorganización Pastoral das 56 Parroquias do
Arciprestado de Abeancos ao redor de 4 Unidades Pastorais,
Unidade pastoral nº 1:
1) Abeancos, San Cosme
2) Abeancos, San Salvador
3) Agrón, Santa Eulalia
4) Ánxeles, Santa María
5) Barreiro, San Mamede
6) Campos, Santa María
7) Cazallas, San Xosé
8) Folladela, San Pedro
9) Furelos, San Xoán
10) Leboreiro, Santa María
11) Liñares, Santiago
12) Maceda, San Pedro
13) Meire, Santiago
14) Melide, San Pedro
15) Melide, Santa María
16) Moldes, San Martiño
17) Oleiros, San Martiño
18 )Varelas, San Martiño
19) Vimianzo, Santa María
20) Xubial, Santiago
21) Zas de Rey, San Julián
Establécese un Centro Interparroquial para esta unidade pastoral na parroquia de San Pedro de Melide.
Unidade pastoral nº 2:
1) Barazón, Santa María
2) Beigondo, San Cosme
3) Belmil, San Pedro
4) Niñodaguia, San Pelaxio
5) Novela, Santa María
6) Rairiz, Santa Eulalia
7) Ribadulla, San Vicenzo
8) Pezobre, San Cristovo
9) Pezobrés, Santo Estevo
10) Ponte Arcediago, San Xoán
11) San Román, San Pedro
12) Santiso, Santa María
13) Serantes, Santa Eulalia
14) Visantoña, San Xoán
Establécense dous Centros Interparroquiales para esta unidade pastoral nas parroquias de San Xoán de Visantoña y San Xoán de Ponte Arcediago.
Unidade pastoral nº 3:
1) Brañas, Santa Mariña
2) Capela, Santa María
3) Gondollín, San Martiño
4) Mangüeiro, San Tomé
5) Monte, Santa Eufemia
6) Monte, San Xulián
7) Ordes, Santa María
8) Paradela, San Pelaxio
9) Pedrouzos, Santa Mariña
10) Vilamor, Santo Estevo
11) Vilouriz, Santiago
Establécese un Centro Interparroquial para esta unidade pastoral na parroquia de Santa María de A Capela.
Unidade pastoral nº 4:
1) Baltar, Santiago
2) Boente, Santiago
3) Castañeda, Santa María
4) Figueroa, San Pelaxio
5) Golán, San Xoán
6) Grobas, Santa María
7) Maroxo, Santa María
8) Orois, Santa Cristina
9) Rendal, Santa María
10) Vilantime, San Pedro
Establécese un Centro Interparroquial para esta unidade pastoral na parroquia de Santa María de Rendal.
Encomendándome á protección da Santísima Virxe dos Ollos Grandes, Santa María de Lugo, pido a Deus que esta iniciativa pastoral sirva ao ben dos nosos fieis e á vida das nosas parroquias e a nosa Igrexa, e sexa útil tamén, por tanto, para o futuro de toda a nosa sociedade. Nada hai máis decisivo que a salvagarda por sacerdotes, persoas consagradas e laicas dunha fe viva e relevante para as súas vidas, o que non poderá ser senón edificando sobre a Palabra de Deus e vivindo da súa gracia, que se nos dá nos sacramentos e, en primeiro lugar, como sempre se soubo e se celebrou con especial devoción nesta Diocese, na Santísima Eucaristía, presenza real do Señor Xesús, Sacrificio agradable ao Pai, fonte e cumio da nosa Comuñón eclesial.
Esta reorganización entrará en vigor o día 15 de maio do presente ano, solemnidade de Pentecostés, cos nomeamentos conforme á nova organización pastoral.
En Lugo, Cidade do Sacramento, a 03 de maio de 2016, festa dos apóstolos San Felipe e Santiago.