Debe a Igrexa adaptarse aos tempos?

Na nosa sociedade abundan as frases feitas que se teñen por certas. Estas repítense coma se fosen verdades absolutas e indiscutibles. Eu acostumo reflexionar e facer preguntas sobre elas como é o caso da que transformo en pregunta para pór titulo a este artigo.

É moi frecuente escoitar esta afirmación: “a Igrexa ten que adaptarse aos tempos presentes”. Esta tese é sostida por moitos na actualidade crendo ter toda a razón. Non cabe dúbida que si que hai parte de razón no que queren dicir, pero a esta tese hai que facerlle moitas obxeccións e matizacións.

Cando me din que a Igrexa ten que adaptarse aos tempos, eu acostumo preguntar: a que tempos se ten que ir adaptando?: aos de Stalin, Hitler ou Franco?, aos de Zapatero ou Aznar?, aos de Obama ou Donald Trump?, aos de Nicolás Maduro, aos de Rodrigo Duterte (Filipinas)…? Se cadra o que moitos queren dicir é que debe adaptarse aos seus intereses, comodidades e comenencias.

Por outra parte, adaptarse aos tempos en xeral non deixa de ser unha postura cómoda, pois así non hai que facer unha análise fonda da realidade, nin implicarse nun proceso de discernimento sobre a xustiza e inxustiza das estruturas sociais, nin tampouco comprometerse a buscar e percorrer o camiño da transformación social con liberdade e responsabilidade en orde a un mundo máis xusto.

Cando a persoa se adapta ao “statu quo” vixente tampouco vai ter que enfrontar as persecucións anunciadas por Xesús para os comprometidos co Reino de Deus e a súa xustiza.

Ao tratar esta cuestión non debemos esquecer estas dúas realidades humanas:

  1. O ser humano é o único ser do planeta que non ten un nicho ecolóxico predeterminado, un hábitat concreto e limitado, senón que habita tódolos lugares da terra, que por unha parte se adapta ao medio e ao mesmo tempo adapta o medio a el. É dicir, mantén unha relación dialéctica co medio nese dobre movemento de adaptarse e, sobre todo, transformar o entorno en función das súas necesidades, utopías e esperanzas.
  2. Se a ciencia adoptase a mesma postura tampouco avanzaría e non se adquirirían novos coñecementos e progresos científicos. A ciencia avanza rompendo os moldes do saber adquirido e sistematizado a través de revolucións científicas.

Se tal é a condición humana, iso tamén afecta á Igrexa pois esta é unha institución tamén humana e, por tanto, deberá seguir esa tónica na súa relación coa sociedade e co tempo que lle toque vivir.

Por tanto entendo que a relación da Igrexa coa sociedade actual debe ser:

  1. a) Relación de DIÁLOGO para ver, entender e comprender aos homes deste momento histórico; coñecer cales son as súas esperanzas e angustias, cales son os seus gozos e tristuras… Así coñecerá as súas eivas, necesidades, capacidades e posibilidades para pór en marcha realidades adecuadas a súa situación, como no pasado ese diálogo levou a promover institucións educativas, hospitais, o Proxecto Home (para curar drogadiccións), casas para vítimas de malos tratos…
  2. b) Unha relación PROFÉTICA que leve a discernir o que hai de bo ou de malo, xusto ou inxusto na sociedade contemporánea e nos seus movementos sociais. Esta relación profética leva consigo o desenvolvemento dun xuízo crítico para quedarse co bo para impulsalo adecuadamente, e rexeitar o que está mal, aínda que supoña dificultades e persecucións.
  3. c) Unha actitude de COMPROMISO TRANSFORMADOR dos tempos presentes para facer que a humanidade avance e mellore en orde a ser unha soa familia humana reconciliada e en paz. Esta transformación farase en virtude do ideal de vida humana que se constrúa en coherencia cos valores evanxélicos.

Por todo isto entendo que a Igrexa serve de pouco á sociedade actual se pensa ou pensamos que debe facer xogo co mobiliario social existente, pero si será unha forza de liberación e salvación, manténdose fiel ao Evanxeo e dócil á acción do Espírito Santo.

Antón Negro

Delegado de Cáritas Lugo

(Imaxe: cathopic.com)

1 comentario en “Debe a Igrexa adaptarse aos tempos?

  1. Estando de acordo no esencial, considero que a Igrexa terá que ir aproximándose aos tempos. Cando falamos de Igrexa, falamos de Comunidade de crentes. Pero esa Comunidade está formada por un conxunto de individuos con “cuitas”, digamos, diversas. Ese sentimento de pertenza á Comunidade será máis forte e duradeiro canto mais se integre o individuo na Comunidade e a Comunidade acepte ao individuo. É un esforzo ao meu xuízo de reciprocidade. O diálogo intrarrelixioso é, desde o meu punto de vista esencial. Por outro lado, existen hoxe en día moitas persoas que non constitúen o ideal de familia cristiá, se se me permite dicilo así: persoas que viven soas, fogares con pai e fillo/s, nai e fillo/s. Estas persoas deben ter a posibilidade de levar unha vida coherente coa súa fe. Será un proceso cheo de dificultades e longo, pero non debe confrontar un dogmatismo feroz contra un relativismo social total.

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: