“Mírame; estou aquí, volvín. Si, outra vez -a vixésima?, a vixésima primeira?, non o sei, perdín a conta- volvo estar nesta explanada, sentada na primeira ringleira de bancos de ferro esmaltados en branco.
“Fronte a min, a Gruta coa estatua de María que quixo revelarse aquí como Inmaculada Concepción. Os peregrinos desfilan aos pés da Nai e, absortos na súa conversa con ela, mantéñense o máis cerca posible da parede rocosa, acaríñana con dozura, case a bican buscando un contacto máis profundo e íntimo con aquela que quixo facer desta cova unha das súas máis coñecidas moradas terrenais”.
Así así comeza o primeiro capítulo da famosa obra de Alessandra Borghese, Lourdes. Os meus días ao servizo de María, (Planeta, Barcelona, 2010). Un libro apaixonante que se le seguido ata o final e froito dunha intensa experiencia de fe da autora. Unha obra recomendable para os que nunca viron a cova do Pireneo. Precisamente porque foi escrita coa intención de que, os lectores, fascinados pola misteriosa historia que a envolve e mediante o testemuño de quen a viviu, sintan o desexo de coñecela.
De modo semellante ao relato de Borghese poderían comezar a súa historia persoal da rica experiencia de Lourdes, miles de lucenses que este ano durante a semana do 27 de xuño ao 1 de xullo, peregrinaron a Lourdes e celebran os seus 30 anos de peregrinación a tan significativo lugar. “E ti, a trixésima vez? Pois si. E que Deus me conceda moitos máis anos para volver” din moitos dos nosos peregrinos. Que terá Lourdes para que cada ano ao redor de 800 persoas de nosa Diocese queiran volver ao Santuario en peregrinación?
Lourdes é misterio de fe. Lugar de encontro con miles de peregrinos procedentes de todos os lugares do mundo. Lourdes é fe vivida, compartida e celebrada. Lourdes é a gruta, o rio, o santuario, o pobo, os camiños de Bernadette Soubirous, o viacrucis na montaña, o rosario, a procesión de fachos na noite, os Pireneos franceses, o encontro coa realidade da dor e do sufrimento vividos desde a esperanza cristiá, o sorriso dos enfermos, o testemuño dos coidadores, os cantos, a alegría que se espalla por todos os recunchos da explanada, a diversidade, as cores das bandeiras… pero Lourdes é sobre todo, misterio de humildade e de sinxeleza, inmersión nas piscinas de auga fresca como símbolo de conversión, reconciliación e misericordia, novidade de Graza e Amor de infinitude que sempre se renova.
Vólvese a Lourdes porque un non quere afacerse á novidade do misterio e da graza, da caridade que crece nunha complicidade fraterna que nace da amizade mutua.
Noraboa á Hospitalidade de Lourdes polos seus 30 anos organizando as peregrinacións da Diocese de Lugo. Grazas aos responsables da Hospitalidade por tanto esforzo desinteresado, e dun modo moi especial a D. José Lebón e a Carmela, incansables organizadores e animadores que inxectaron nos peregrinos de Lugo o efecto Lourdes, sabedores de que os que experimentaron unha conversión e foron tocados polo Misterio de Lourdes volven transformados. De novo, os peregrinos de Lugo, uníronse con gozo aos máis de seis millóns de peregrinos que chegan a Lourdes cada ano.
Mario Vázquez Carballo