Con tal motivo, lembren os pais o protagonismo que a eles incumbe, para que a Primeira Comuñón dos seus fillos sexa un verdadeiro encontro co Señor, comezo dunha vida eucarística, que acompañe ao longo de toda a súa vida de adultos.
A carta que unha nai escribiu ao seu fillo o día da súa Primeira Comuñón pode servilles de modelo a outras nais para que fagan algo parecido cos seus fillos.
A carta di así: “Querido fillo: Neste día tan grande, quero dar grazas a Deus por permitirche chegar até aquí. Un día quixemos que foses bautizado e ser fillo de Deus. Por tanto, é a nosa responsabilidade axudarche a crecer na fe e no gran amor que nos ten Deus. Esta é a nosa misión, como pais cristiáns.
O máis grande dos agasallos que hoxe recibiches é comungar e recibir ao mesmo Xesús no teu corazón.
Hoxe comezas un longo e fermoso camiño.
Ao teu pai e a min daríanos pena que quedases só neste día e non continuases camiñando até chegar á meta. Imaxinas que pasaría se non quixeses seguir asistindo a clase, porque cres que co que sabes é abondo?. Quedarías no foxo. Pois igual pasa coas cousas de Deus: se non segues crecendo no coñecemento e amor de Deus, dificilmente poderás entender o que é ser un bo cristián.
Dáme moita pena que nenos e maiores só deamos importancia ao vestido, aos agasallos, ao banquete e ás fotos.
Gustaríame que ti non pensases así e que foses descubrindo que os valores cristiáns están moi por riba das presuncións dos homes.
Non esquezas que Deus sempre está aí: acode a El, que quere ser o teu mellor amigo. Só tes que aprender a buscalo, porque El sae ao teu encontro.
Adiante, a porta está aberta: Xesús ten os brazos estendidos para acoller como amigo.
Este é o gran agasallo que che fai Deus neste día. Acéptao con ilusión e agradecemento.
E xa sabes que o teu pai e eu estamos contigo para axudarche, porque tamén nós querémoste moito”.
Indalecio Gómez
Cóengo da Catedral