Nos últimos tempos na Opinión Pública parece que non hai lugar para os migrantes, sobre todo para cooperar con eles á solución dos seus problemas dende a solidariedade. Esta é a forza dos pobres, xa que pobre + pobre +… = forza solidaria.
A Santa Sé segue convocando aos Católicos, e a toda persoa de Boa Vontade, a ter un día para os migrantes co fin de que revisemos o trato que lles dispensamos e, despois, profundizar no compromiso solidario facilitando a súa incorporación á vida social do país con tódolos seus dereitos.
Non deixa de sorprender que, a pesar de ser xa a 104 Xornada Mundial das Migracións, teña esta tan pouco arraigo na vida das comunidades cristiás e na vida social. Por outra parte a ONU tamén leva convocadas xa 18 Xornadas Mundiais das Migracións, pero faino o día 18 de decembro. Na Igrexa celébrase en xaneiro o domingo posterior ó Bautismo de Xesús, despois do día da Adoración dos Reis Magos, tempo no que temos presente a fuxida de Xesús para converterse nun refuxiado en Exipto (Mt. 2, 13-15), feito que lembra o Papa Francisco na mensaxe deste ano.
Na actualidade vemos que en Europa emerxen movementos sociais xenófobos, que non son aceptables por tres razóns:
1) Son unha negación dos Dereitos Humanos, xa que o artigo 13.2 recoñece o dereito a emigrar e volver ao país.
2) Negan a ciencia, pois o ADN mitocondrial revélanos que somos unha soa humanidade descendentes dunha única “Nai” (Eva), por tanto, somos da mesma familia.
3) Tamén van contra a esencia do cristianismo, xa que cremos nun Deus Pai-Nai común (Noso), nun único Salvador, Xesucristo, e nun único Espírito Santo que nos vivifica.
Por iso é de razón e de xustiza rexeitar a xenofobia e promover a XENOFILIA (e pedir que se inclúa a palabra no dicionario da RAE como xa o está noutros dicionarios).
Na mensaxe deste ano o Papa úrxenos aos membros da Igrexa Católica a asumir unha grave responsabilidade ante os migrantes cando escribe: “A cada ser humano que se ve obrigado a deixar a súa patria na busca dun futuro mellor, o Señor confíallo ao amor maternal da Igrexa”. A pregunta para un autodiagnóstico que debe facer cada un dos Católicos é: Temos este amor maternal para cada migrante?. Pero tamén urxe a todos a ter unha ética na vida sociopolítica, é dicir, a ser humanistas en serio cando afirma, citando a Bieito XVI (Cáritas in Veritate 47), que: “O principio da centralidade da persoa humana (…) obríganos a antepoñer sempre a seguridade persoal á nacional”. Dito doutra maneira, as persoas son o primeiro, son sempre un fin e nunca un medio.
A actual mensaxe de Francisco está redactada en torno a catro verbos, que son: ACOLLER, PROTEXER, PROMOVER e INTEGRAR aos migrantes e refuxiados. Na mensaxe vai propoñendo moitas accións concretas como que poidan abrir contas bancarias, teñan dereito a ter sempre consigo os documentos de identidade, dereito de reunificación familiar (inclúe avós, irmáns e netos), a abrir corredores humanitarios, ter unha nacionalidade desde o nacemento, dereito a asistencia sanitaria, liberdade de profesar e practicar a propia fe, inserción sociolaboral…
O Papa lembra tamén o compromiso que os Estados asumiron no cumio das Nacións Unidas do 19 de setembro de 2016 para elaborar e aprobar antes do fin do ano 2018 dous pactos globais, un dedicado aos refuxiados e outro aos emigrantes.
Así que entendo que todo cidadán, se non quere ser un perigo para a convivencia social (nese caso a sociedade tería dereito a defenderse del), debe ser ético e xusto e, por tanto, ter claro que os migrantes son persoas e non forza de traballo, que a persoa migrante ten a mesma dignidade humana e os mesmos dereitos humanos cós demais, que tamén teñen dereito a emigrar e igualmente teñen dereito a permanecer no propio país, e nos dous casos poder conseguir un nivel de vida digno.
Antón Negro
Delegado Episcopal de Cáritas