Comezamos o curso con María. Aínda que, segundo se mire, tamén se pode dicir que terminamos o verán poñendo como broche á Nai de Deus.
A festa da Natividade de María, tamén coñecida como “a do oito”, marca a vida de moitas parroquias e santuarios. Grandes romarías no Faro, O Cebreiro (o día 9 celebran o Santo Milagre) e tamén as festas patronais na Fonsagrada, a miña parroquia natal.
Comezar ou terminar con María sempre é un bo agasallo. Facer o camiño collidos pola súa man maternal sempre nos fai sentir máis seguros.
Vivimos nun momento no que non é doado fiarse de ninguén. Dise que o gato escaldado ata lle escapa á auga fría. Posiblemente é o que nos estea pasando. Tantos timos, estafas, roubos, infidelidades de todo tipo volveron demasiado duro o corazón das persoas.
Tamén nos custa fiarnos de Deus. Non cremos que El é o mellor. Dubidamos de que a Igrexa sexa unha canle que nos leve á eternidade e que nos axude a facer un mundo mellor.
María fiouse. Non entendía, pero sabía que se podía fiar. En Deus, pola súa mesma esencia, sempre podemos confiar. María foi preservada do pecado, pero non do sufrimento: tivo que ver como crucificaban ao seu fillo, pero fiouse .
O mundo necesita recuperar a confianza en si mesmo. En boa medida, diso depende a nosa felicidade. Fagámolo ao estilo de María, Nai de Deus e nosa.
Escoitemos o canto Quero dicir si, como ti María
Miguel Ángel Álvarez