O papa Francisco instituíu este outubro como Mes Misioneiro Extraordinario. Na Fonsagrada temos unha misioneira saída destas terras.
Esther Fernández López naceu en Villagocende, parroquia de San Martín de Suarna, no ano 1954, nunha familia cristiá, como a maioría das da época, na que destacaba a fe do seu pai Armando. Esther é a maior de catro irmáns.
Segundo contaba ela mesma, durante as súas vacacións no verán deste ano, desde moi nena sentiu desexos de consagrar a súa vida como relixiosa, aínda que ao mesmo tempo lle gustaba a vida matrimonial; por iso, sempre lle pedía ao Señor nas súas oracións que lle concedese un matrimonio como o dos seus pais.
Na cidade de Lugo estuda o bacharelato. Alí é onde coñece algunhas congregacións relixiosas e é cando se pensa máis fortemente na súa vocación relixiosa. Pero non lle convence ningún dos carismas destas congregacións. Fala o tema con D. Ramón, o sacerdote da súa parroquia, e este coméntalle que hai unha congregación bastante recente en Palencia, fundada por un bispo (que agora é santo: San Manuel), cuxo carisma é misioneiro e catequético.
Ao mesmo tempo que considera a vida relixiosa segue tamén pensando no matrimonio. Pero un día fai o seguinte razoamento: é bonito o amor entre un home e unha muller, pero un día terminará, en cambio o amor a/de Xesucristo será para sempre. Así é como Esther entra na congregación das Misioneiras Eucarísticas de Nazaret.
A maior parte da súa vida como Misioneira Eucarística pasouna no estranxeiro, concretamente en Latinoamérica, que é onde ela se atopa realmente a gusto. Primeiro en Venezuela, despois en Arxentina e agora en México estes últimos 20 anos.
As Misioneiras Eucarísticas de Nazaret están presentes en España (cunha pequena comunidade tamén en Lugo), Portugal, Italia, Perú, Ecuador, Venezuela, México, Arxentina e Cuba.
Na súa misión actual en México, concretamente na Diocese de Tacámbaro, Esther e as irmás da súa comunidade, de acordo co carisma da súa congregación, viven e proclaman o misterio eucarístico anunciando a aquelas xentes a vida que brota da Eucaristía, sacrificio, memorial, comuñón e presenza permanente, cunha dimensión reparadora. Forman e estenden os grupos laicos da Unión Eucarística Reparadora (UNER), Obra fundada por San Manuel González García. Ademais, dedícanse ao coidado do culto eucarístico na Catedral da súa Diocese e á catequese dos máis de 350 nenos que teñen nas parroquias nas que colaboran.
Miguel Ángel Álvarez Pérez
Párroco da Fonsagrada