O sábado 17 de abril entre as 10:00h e as 13:00h, terá lugar o XLII Curso Rexional de Pastoral da Saúde de Galicia, que este ano organiza a delegación diocesana de Santiago en colaboración co Secretariado Interdiocesano. Este curso enmárcase dentro da Campaña do Enfermo 2021 que ten por lema “Coidémonos mutuamente”.
Ante a situación de pandemia, convén compartir experiencias desde a fe, desde a esperanza e desde a caridade: como afectan, como son interpretadas e, sobre todo, se pode resultar de todas estas situacións algo positivo a nivel individual e como Igrexa.
Este curso está especialmente dirixido aos voluntarios de pastoral da saúde, profesionais do mundo sanitario e sociosanitario, relixiosas, relixiosos, sacerdotes e a todas aquelas persoas interesadas no mundo sanitario. Pode seguirse a través da canle de YouTube do Instituto Teolóxico Compostelán e non é necesario inscribirse.
As persoas que sigan o evento poderán formular preguntas ao final de cada relatorio a través do chat de YouTube.
Ás 10:15 h haberá un primeiro relatorio a cargo do enfermeiro Álvaro Lobo Arranz S.J: “Se nos había olvidado sufrir: claves ignacianas para acercarse a la crisis del Covid-19”
E tras unha mesa redonda sobre experiencias de coidado (11 h), un segundo relatorio da doutora en Psicoloxía Cristina Noriega García, que ás 12 h falará de “Fortalezas y estrategias de afrontamiento ante la pandemia por el Covid-19”.