Ao comezo desta semana, mentres uns estabamos preocupados en disfrazarnos e en comer cocido, 21 cristiáns coptos eran asasinados en Libia dunha forma vil; degolados como os polos nun matadoiro, coa diferenza de que os verdugos eran os seus propios semellantes.
A semana pasada escribiamos de non difundir noticias falsas sobre persecucións a cristiáns. Por desgraza, a noticia desta masacre foi certa.
É grave a morte de 21 inocentes por causa da súa fe. Pero non é menos grave a actitude de cegueira voluntaria que temos en Occidente.
A forma de combater o Estado Islámico, e os fundamentalismos de todo tipo, non é coa forza das armas, por moitas que sexan as nacións que se unan para deter esta barbarie.
Estou convencido de que a única forma de que isto vaia a menos, ata desaparecer, é caer na conta de que necesitamos facerlle un oco no noso mundo e nos nosos corazóns ao Deus de Xesucristo, ao auténtico Príncipe da Paz.
Non podemos afacernos a estas cousas. O día que se deu a información falouse moito, pasados uns días apenas uns poucos seguen mantendo viva esta noticia. O peor de todo é ver como normal ou habitual o que nunca debería existir.
Teñamos presentes nas nosas oracións a estes 21 irmáns nosos. Que o Señor lles conceda a todos o descanso eterno, e a vida que aquí non puideron gozar.
Miguel Ángel Álvarez Pérez