Estes dous termos non deben confundirse conceptualmente, aínda que algunha similitude existe entre ambos.
Certamente, o cristianismo non é un puro humanismo, pero non debe privárselle dun gran matiz humano; como tampouco o humanismo é cristianismo, se prescinde de Cristo e, menos se renega de Deus, converténdose en ateísmo.
O cristianismo ten dous polos: Deus e o home. O seu arquetipo é Xesucristo o Deus feito home. Divindade e humanidade integran a persoa de Xesús. El é a ponte que une o Ceo e a terra. O seu dinamismo mira ao Pai, que busca ao home para levalo á súa plenitude, e mira ao universo, que non debe estruturarse á marxe da vontade do seu creador.
Deus non contou co home para crear o universo, pero tivo presente ao home, ao que confiou a custodia e o perfeccionamento do creado.
O universo será perfecto cando todo o mundo recoñeza a Deus como o seu creador e Señor. O home debe adorar a Deus como ao supremo valor absoluto, e conformar o seu comportamento coa vontade do creador.
Cando nós prescindimos de Deus na planificación da vida social, estamos a invadir terreo vedado. A Deus recoñecémoslle a autoría do mundo, e non podemos esquecer que a misión que se nos confiou é a de custodialo e perfeccionalo. Díxose que “Deus alugou o mundo aos valentes”. Os homes somos o supremo valor creado: temos entendemento e vontade; conciencia e liberdade. Pero somos criaturas: dependemos do Divino Creador, no ser e no obrar. Del somos colaboradores. A colaboración implica subordinación e aceptación das directrices do mestre.
O noso referente é Xesucristo, que se preocupou do divino e do humano da historia do home. El acatou sempre a vontade do Pai, e preocupouse de todos os homes e de todo o home na súa dobre dimensión espiritual e corporal. Inmolouse por nós para obternos o perdón e a graza; e multiplicou milagrosamente o pan, para que puidesen comer os famentos; acougou a tempestade, para que os pescadores non se afundisen no lago, e curou ao paralítico da piscina, para que puidese camiñar polo seu propio pé, etc.
A este xeito de comportarse chámaselle cristianismo, porque encarna a actitude de Cristo que pasou polo mundo facendo o ben, como síntese de todo bo comportamento.
O cristianismo diferénciase do humanismo en que, lonxe de sentirse colaborador de Deus no perfeccionamento do mundo, nega toda outra intervención na marcha da historia, que non sexa a do mesmo home, ao que hai que recoñecerlle o mérito de todo crecemento e o dereito de beneficiarse de todos os progresos, que non sexan contrarios ao plan de Deus.
Segundo o humanismo, o que importa é o que agrada ao home, aínda que denigre a súa condición de fillo de Deus.
Resumindo: o cristianismo colabora con Deus na construción dun mundo mellor. O humanismo institucional rivaliza con Deus, e tenta unha sociedade pagá, na que o único valor é a paixón do home.
Indalecio Gómez Varela
Cóengo da Catedral de Lugo