A actualidade do fenómeno migratorio demanda, nestes tempos, unha profunda reflexión cristiá. Hai un amplo debate na opinión pública sobre a traxedia dos refuxiados e os migrantes forzosos. Vivimos unha gran encrucillada histórica onde os fluxos migratorios e a urxencia humanitaria suscitan serios interrogantes ao noso modus vivendi, á nosa forma de entender as relacións internacionais e de ofrecer unha resposta coherente de tantas familias que chaman desesperadamente ás nosas portas. Escoitaba onte, nun medio de comunicación, a pregunta: que fai e di a Igrexa ante a realidade migratoria? Consciente de que sempre se pode facer moito máis e da súa chamada á santidade e á perfección, a Igrexa non cala ante este gran problema. Tampouco está quieta. Miles de centros de acollida, en parroquias e institucións, caladamente pero con gran eficacia, practican a hospitalidade desde unha opción de fe como unha das actitudes esenciais da misión de Xesús. Misión que adquire un acento especial a través do ministerio da reconciliación, da celebración da Eucaristía, no convocar á mesa, no banquete e na práctica das obras de misericordia.
A Igrexa católica, malia os seus erros históricos, foi mestra de hospitalidade pola súa gran herdanza xudía e por mandato directo do seu Mestre (“fun forasteiro e acolléstesme”: Mt 25, 35). A experiencia bíblica recoñécese en experiencias migratorias, de exilio, de éxodo, de acollida e hospitalidade, que pertencen ás experiencias fundantes do pobo elixido: “o meu pai foi un arameo errante” (Dt 26,5). O mesmo Xesús, no Novo Testamento, preséntase como un migrante, e a súa doutrina acentúa a acollida, a fraternidade, o universalismo e a misión apostólica máis aló das fronteiras.
De feito, nas últimas décadas, na reflexión teolóxica, comezou a tematizarse unha “teoloxía das migracións” e o propio Maxisterio da Igrexa, especialmente a partir do século XIX trata o tema explícita e abundantemente. Desde León XIII ata o papa Francisco, fillo dunha familia de migrantes, o Maxisterio presentou unha gran riqueza temática e orientacións concretas que invitan á hospitalidade. Na actualidade, os teólogos sosteñen que a migración é fundamental para entender a condición humana, a práctica relixiosa e a identidade cristiá. Os interrogantes que se nos suscitan desde a razón son moitos. E aquí algúns, que suxiro para continuar a reflexión: Ata cando se poderá manter un sistema económico baseado soamente no crecemento e na especulación que facilita os fluxos financeiros pero pon trabas á circulación de persoas? Ten futuro un mundo que esquilma os recursos naturais dos máis pobres, que xera miseria e que en consecuencia produce tráxicas secuelas no planeta terra? É posible que os países ricos do norte poidan seguir explotando aos máis pobres, reforzando sistemas autoritarios no sur e alimentando os conflitos bélicos coa venda de armas para manter o seu propio estatus? Estas cuestións requiren unha mirada profunda á luz da fe fronte a formulacións simplistas. Son un verdadeiro “signo dos tempos” e sen dúbida, a cara máis humana da globalización. Estes son os grandes desafíos: coidar e protexer a casa común, tomar conciencia de que pertencemos a unha soa familia humana e procurar unha aproximación integral, máis aló de remendos, para combater a pobreza, para devolver a dignidade aos descartados e para unha fonda conversión ecolóxica.
José Mario Vázquez Carballo
Vicario Xeral da Diocese