Relendo a Miguel de Unamuno atopeime con esta cita que enche de contido e de sentido de transcendencia o amor humano:
Obra de modo que merezas ao teu propio xuízo e a xuízo dos demais a eternidade, que che fagas insubstituíble, que non merezas morrer. Ou talvez obra así: obra coma se houbeses de morrer mañá, pero para sobrevivir e eternizarte.
A regra de ouro (“Todo o que queirades que faga a xente con vós, facédeo vós con ela”) coñécese en moitas culturas como norma de vida boa. Máis forza ten aínda o mandamento do amor no Antigo Testamento: “Amarás ao teu próximo como a ti mesmo” (Lev 19,18). Xesucristo enriquece este mandamento do Amor mutuo e da “cáritas” fundamentándoo en si mesmo e na entrega da súa vida dun modo sacrificial: “Como eu vos amei, amádevos tamén uns a outros” (Xn 13, 34). Este amor diríxese por igual á comunidade e á persoa: cada un de nós é unha persoa amada por Deus e está destinado ao amor aos demais.
Pablo VI, Xoán Paulo II e o Papa Francisco, así como os documentos máis significativos da doutrina social da Igrexa, lembran, con firmeza, que o amor de Deus é o amor máis grande, o primeiro, do cal procedemos e o comezo dunha “civilización do amor” á que todos os seres humanos debemos contribuír.
Moi recentemente, nun artigo titulado “Os pobres e nós”, Juan Manuel de Prada escribía que a soidade indesexada non fai senón estenderse entre a poboación, que a quebra dos vínculos comunitarios tórnase cada vez máis evidente e engade:
E é normal que así suceda, porque alá onde non existe conciencia dunha paternidade común é moi difícil que a xente considere ao próximo (sobre todo se é un próximo que cheira que apesta) como un irmán.
De aí a necesidade de recuperar a Deus na sociedade como fundamento dunha vida boa, de revalorizar os dez mandamentos como normas imperecedoiras da lei natural e como pedra angular dunha sociedade feliz. O gran teólogo e médico misioneiro A. Schweitzer (1875-1965) chegou a afirmar a este respecto:
Do que non deixo de asombrarme é que no mundo haxa máis de trinta millóns de leis para cumprir os dez mandamentos”.
Hoxe é Corpus Christi. Celebralo significa lembrar que somos fillos de Deus convocados á fraternidade e á paz. Participemos nas celebracións que organiza a Diocese de Lugo na Praza de Santa María e na Catedral coa finalidade de agradecer a Deus o don da Eucaristía (Eucaristía e caridade son inseparables) e de educar ás futuras xeracións xa que a caridade non é soamente un sentimento senón unha virtude que hai que educar e adestrar. Volverse máis xusto, máis pacífico, máis resolto, máis valente, máis cheo de caridade é un reto para calquera cidadán e para todos os cristiáns. As actividades que con tanto esforzo organízanse estes días na cidade serán tamén un estímulo para realizar estes obxectivos: a beleza, a música e a arte, o X festival internacional de música de órgano na catedral de Lugo, o pregón da caridade con todas as actividades organizadas con motivo deste día, a inauguración da nova sede de Cáritas, as exposicións organizadas polo Museo Diocesano (copóns e píxides, hemeroteca, actividades de interpretación do patrimonio relativo ao Corpus), a Ofrenda de Galicia ao Santísimo Sacramento, etc, converten a nosa CIDADE DO SACRAMENTO, estes días, nunha gran festa. San Agostiño chegou a afirmar que a aqueles que aman a Deus, El fainos bos e converte os seus erros en bondade e ben. Releo nun antigo exemplar de El Progreso: “Extraordinaria brillantez revestiron os actos do Corpus en Lugo”. Oxalá podamos reescribir hoxe este titular.
Mario Vázquez Carballo
Vicario Xeral da Diocese