Coresma e corentena (I)

Os dous termos soan case igual, pero o seu significado é antagónico. Coresma é someterse a unhas normas penitenciais ou contemplativas, en recoñecemento de non observar o prescrito, co fin de desagraviar á persoa ofendida e reconciliarnos con ela.

En corentena está quen non se recoñece culpable do incumprimento dos seus deberes, e agarda a que se aclare a súa responsabilidade.

A Coresma diferénciase do Advento, en que este é “un camiño cara á Pascua do Nadal”, mentres que o tempo coresmal é “un alto no camiño”, para comprobar se a nosa ruta conduce certeiramente á Pascua de Resurrección, ou temos que rectificar. E ao decatarnos de que en mil ocasións apartámonos do bo camiño, poñémonos penitencias en expiación do mal que non quereriamos facer.

O clima coresmal é de tristeza, semellante á do peregrino que ansía chegar ao santuario, e tárdalle alcanzar a meta. A situación de deserto non lles satisfai: alí todo é carencia. Nada do deserto satisfai as ansias do peregrino. Ansía outros valores. As tentacións de instalar a súa tenda no areal, teñen pouca forza para o camiñante. Busca outras metas e trata de nutrirse doutros manxares. As amarguras do deserto tráenlle á memoria o remorso das infidelidades pretéritas. E isto anímao a seguir camiñando cara a situacións novas. A culpa atafégalle, pero a esperanza anímao a proseguir no seu empeño, e as renuncias que lle impón o camiñar, considéraas pequenos sacrificios para alcanzar a terra prometida.

Na vida cristiá, o tempo de deserto non é tempo de castigo: é tempo de penitencia e, á vez, é tempo de graza. É un tempo de adestramento, que capacita ao peregrino para superar as dificultades que lle xurdirán no futuro. Tomemos exemplo do comportamento dos antigos pais do deserto, Moisés e Elías, que no tempo do exilio, lembraron constantemente aos israelitas que, se eran fieis ao Señor; arribarían á terra de promisión. E sobre todo tomemos exemplo de Xesucristo, que durante os corenta días que pasou no deserto, preparándose para o ministerio da súa vida pública, non descoidou o xaxún e a oración, para manter a súa proximidade ao Pai. Tamén a El acometérono as tentacións para que sucumbise no seu empeño mesiánico, pero non o venceron, porque se preparara concienzudamente co xaxún e a oración coresmais.

Fundamentalmente, a Coresma ten unha dimensión de conversión que implica arrepentimento polo mal feito, e outra dimensión de reconciliación, a volta á casa do Pai. Cando se cumpren estas dúas condicións, na casa do Pai hai festa como nunca a houbo, e hai desbordante alegría no corazón do fillo, o cal é acollido coma se non pasase nada, porque Deus perdoa e esquece xa que, posto a amar, ama para sempre.

Mons. Indalecio Gómez Varela

Cóengo S. I. Catedral Basílica de Lugo

[Artículo en castellano]

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: