Supoño que moitos da miña xeración lembran de bo grado aquela serie de animación titulada A volta ao mundo de Willy Fog, na que se versionaba, para os que eramos nenos por aquela época, a mítica obra de Xulio Verne A volta ao mundo en oitenta días.
Pois ben, nos tempos do mítico autor, podería ser que se necesitasen eses días para dar a volta ao mundo. Hoxe seguro que se podería facer en só unhas horas. Pero non é o mesmo «dar a volta ao mundo» que «darlle unha volta ao mundo». Xa me entenden.
Quizais pretender «darlle a volta ao mundo» pareza unha tarefa imposible de facer de xeito individual. Por iso, o que si podemos tentar é darlle unha volta á nosa propia vida. Para iso non nos fan falta os oitenta días do entrañable Willy Fog, senón que abondan os corenta días da Coresma, valla a redundancia.
A Coresma nace como un tempo de preparación para a gran celebración anual da Pascua. É un tempo no que nos ofrecen a oración, a esmola e o xaxún como ferramentas necesarias para «darlle unha volta» á nosa vida.
Contan que, en certa ocasión, un xornalista preguntoulle á Madre Teresa de Calcuta, que, se puidese cambiar algo na Igrexa, que cambiaría? Parece ser que ela respondeu que se cambiaría a si mesma. Isto mesmo pódenos servir para o que estamos a falar: para cambiar o mundo, o primeiro que temos que facer é cambiar cada un de nós. Se o prefiren, podemos dicilo con outras palabras que teñen unha connotación de máis esixencia: para que se convertas o mundo, antes temos que converternos cada un de nós.
Tampouco se trata de converterse por converterse. Trátase, máis ben, de cambiar o mundo para que sexa de verdade como un anticipo do que será despois a vida do mundo definitivo, no que non existe ningún tipo de mal nin de limitación. O noso «pequeno mundo» debería ser unha proxección a escala desoutro mundo infinito ao que todos esperamos chegar algún día.
Por iso, a Coresma pon diante dos nosos ollos o rostro da morte e da finitude. Non en balde, comezamos este tempo coa imposición da cinza que nos lembra, sen andrómenas, o que somos e no que nos converteremos, se non hai alguén que poña os medios suficientes para poder alcanzar «a outra beira».
Temos por diante un camiño de corenta días para ver que somos, como estamos e coller a man daquel que deu a súa vida por nós para que podamos chegar ao seu mundo.
Ninguén dixo que o camiño fose doado, sabémolo ben por experiencia propia, pero merece a pena. Merece a pena que cada un nos convertamos para que o mundo «dea unha volta» e vaian acabando os «malos rolos» que cada día nos atormentan.
Miguel Ángel Álvarez
Párroco da Fonsagrada