A imaxe máis tenra de Xesucristo é a do bo pastor. Non só polo que supón de grandeza para o pastor, que é Deus mesmo, tamén polo que evoca a imaxe, que nos recorda que as persoas deberiamos parecernos máis aos inocentes e entrañables años que aos feros lobos.
O vindeiro domingo, IV de Pascua, é o día do Bo Pastor. No Evanxeo escoitaremos a Xesucristo dicindo que el é o bo pastor para, a continuación, dicirnos o modo como coida de nós e as diferenzas cos pastores asalariados aos cales non lles importan as ovellas. Se nos asomamonos a algunhas das fiestras do mundo (debates e noticias en TV, parlamentos, redes sociais, conversas de corredor ou de barra do bar) dá a sensación que de que hai moitos máis lobos que ovellas. Últimamente os xuízos que facemos as persoas non son, precisamente, de misericordia cara ao próximo. Hai moita xente á que é imposible oírlle unha palabra que non sexa de crítica.
«Cando non estamos en paz connosco mesmos, inevitablemente vivimos en guerra con todos os que nos rodean. E o primeiro signo diso adoita ser o xuízo duro e desesperanzado cara aos demais. Con todo, a Pascua de Cristo posibilítanos formular un “xuízo resucitado” cara ao próximo. Detrás do “setenta veces sete” do Evanxeo, non se agocha meramente un precepto moral, senón o don dunha esperanza resucitada. Se San Ignacio de Loyola proponnos “salvar a proposición do próximo”, é porque a mirada e o xuízo resucitados son capaces de descubrir no próximo os dons que permanecen ocultos para quen non ten esperanza… A dureza de xuízo é indicio dunha vida mortecina, mentres que o xuízo de misericordia o é dunha vida resucitada» (Munilla).
Celebrar ao Bo Pastor non é só mirar para Xesucristo e loar a súa bondade e misericordia. É tamén mirarnos a nós mesmos e como están os nosos niveis de bondade, paciencia, humildade, ou se, no seu lugar, temos odio, crítica, maldade, desasosego, etc.
Esteamos como esteamos, sempre poderemos contar coa axuda de Xesucristo, Bo Pastor. Abonda con poñerse en silencio ante El 10 minutos para empezar a experimentar unha paz e unha alegría interior que non ten prezo. Fai a proba: vai a unha igrexa fóra das horas de Misa, libérate de prexuízos e lendas urbanas, localiza o sagrario, senta só nun banco en silencio e agarda un pouco. Aos 3 minutos empezarás a sentir como Deus che fala dentro de ti. Ao minuto seguinte notarás unha paz como nunca. O Bo Pastor colleuche no colo. Xa está. Non se necesita nada máis.
Miguel Ángel Álvarez
Párroco da Fonsagrada