A Igrexa lembra cada día aos fieis defuntos na súa liturxia, na celebración da Santa Misa e no rezo de Vésperas. E unha vez ao ano, o 2 de novembro, conmemora e reza especialmente por todos os defuntos.
Este día axúdanos a lembrar aos nosos seres queridos que nos deixaron e convídanos a encomendar á misericordia do Señor todas as almas que están en camiño da plenitude da vida, persoas coñecidas, pero tamén descoñecidas e quizá moitas veces esquecidas. É un xesto de fe e de caridade fraterna.
A tradición da visita aos cemiterios
A conmemoración dos fieis defuntos o día 2 de novembro reafirma en primeiro lugar a esperanza na vida eterna fundada na morte e resurrección de Xesucristo. Coa visita ao cemiterio, acompañada da oración, renovamos con valentía e forza a fe en que a nosa carne, que volve ao po, resucitará.
Para o cristián, o cemiterio é lugar da memoria e do afecto, da oración e da esperanza. Non é o lugar do medo á morte, senón do respecto profundo polo próximo e polo seu corpo, destinado á resurrección, e dun agarimo permanente, sostido pola esperanza.
A visita aos cemiterios estes días axúdanos a conservar os vínculos de afecto con quen nos ame, a expresarlles o noso amor coa oración, certos de que a morte xa non rompe a unidade que existe entre os que aínda camiñamos nesta terra, e os numerosos irmáns que xa alcanzaron a eternidade.
Vivimos así a fe na Comuñón dos Santos que profesamos no Credo. As nosas existencias están profundamente unidas unhas a outras, e o ben que cada un realiza afecta aos demais. Sabemos que a oración dunha alma crente na terra pode axudar mesmo a outra alma que se está purificando despois da morte. A esperanza cristiá non quere poñerse límites, porque se funda en Cristo, que se sacrificou por todos.
Por iso, a Igrexa convídanos a rezar con constancia polos defuntos e a visitar estes días as súas tumbas nos cemiterios. E enriquece este xesto de profunda caridade concedendo indulxencia plenaria, aplicable ás almas do purgatorio, aos fieis que visiten devotamente os cemiterios ou oren mentalmente polos defuntos cada día do 1 ao 8 de novembro. Ademais, o día 2 de novembro, conmemoración dos fieis defuntos, en todas as igrexas da Diocese pódese lucrar esta indulxencia plenaria.
Celebracións o día 2 de novembro
En toda a Diocese, o día 2 de novembro os párrocos celebran e ofrecen a Santa Misa polos fieis defuntos. En todas as parroquias en que é posible organízanse ademais diversos actos de piedade e devoción polos defuntos.
O Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, visitará o cemiterio de San Froilán e celebrará a Santa Misa na capela do cemiterio ás 17 horas, acompañado polos párrocos da cidade de Lugo.
Que a alma de todos os fieis defuntos descanse en paz.