O sábado 7 de maio celebrouse o X Congreso de Educadores Católicos que tivo como tema A Biblia na clase de Relixión. Organizado pola Delegación para a Educación na Fe, contouse coa colaboración da editorial SM, a libraría La Voz de la Verdad e o Centro Público Integrado de Formación Profesional As Mercedes, que foi o lugar da cidade de Lugo onde se desenvolveu o Congreso.
O profesor de Bacharelato en Logroño e Asesor Pedagóxico de SM, Fernando Arriero Perantón, dirixiu as charlas-taller, que tiñan como obxectivo repasar a nova lei, a LOMLOE, como afecta á materia de Relixión, e poder programala ben sacando partido e aproveitando este cambio de lei. Para iso estiveron desenvolvéndose as 6 competencias específicas da materia de Relixión desde a óptica da Biblia, porque é o cimento onde se vai apoiar a materia pero sen perder de vista cara a onde se vai co resto das materias. Tamén se tivo en conta que na materia de Relixión trátase de formar mozos a nivel integral, tendo moi presentes os dereitos do neno. Viuse o que pode achegar de xeito específico o profesorado de Relixión e o que xunto coas outras materias poida contribuírse ao ben dos mozos.
O relator Fernando Arriero reflexionou conxuntamente cos asistentes ao Congreso e saíron co ánimo non tanto de queixarse dunha lei que xa vén dada senón aproveitar ese cambio tomando os puntos positivos para o que queren todos os educadores: que o alumnado contribúa a un mundo mellor, ademais de mellorar persoalmente.
A parte final do Congreso adicouse a mostrar dúas realidades educativas da Diocese de Lugo: Colexio da Milagrosa, Colexio Diocesano San Lorenzo.