Confesar os pecados mortais polo menos unha vez cada ano, e en perigo de morte, e cando se comungue


Hoxe comezo cun dos cinco mandamentos da Santa Nai Igrexa, o que xustifica o que coñecemos como «o precepto», co que cumprían noutro tempo case todos os cristiáns durante o tempo de Coresma.
Está claro que, se un só se confesa por cumprir cun mandamento, pero non o fai porque teña dor dos seus pecados, a cousa non vai servir de moito. E tamén está claro que se un ten necesidade de confesarse non é necesario que agarde á Coresma para facelo. Por suposto, que o mesmo serve para comungar, que se debe facer todo o ano, non en balde é o alimento de inmortalidade que nos ofrece Xesucristo.
Entendo que nos dea vergoña confesarnos, xa que a ninguén lle gusta recoñecer que fixo cousas mal, mesmo cando non o viu ninguén. Pero, do mesmo xeito, estou seguro de que todos, nalgún ou en moitos momentos da nosa vida, escoitamos a voz da nosa conciencia que nos chama a atención polas cousas que fixemos mal. Mesmo, se cadra, moitas veces esa voz da conciencia non nos deixa durmir.
Independentemente da nosa fe e da vivencia que fagamos dela, todos temos necesidade de liberarnos daquilo que nos escraviza, chamémoslle pecado, erro, fallo, debilidade ou como queiramos.
Para liberarnos da escravitude do pecado podemos tentar mirar para outro lado ou autoconvencernos de que «non foi nada» ou  refuxiarnos no de «todos teñen pecados» ou no de «o que estea sen pecado que tire a primeira pedra», que, por certo, dixo
Xesucristo.
Como dicía, non nos podemos confesar por obrigación. Pero podemos probar a facer unha limpeza da nosa conciencia no confesonario, ante o sacerdote que representa a Cristo, o único que non ten pecado e que pode perdoalos todos de verdade. Como dicimos moitas veces por probar non perdo nada e se cadra gaño moito.

Miguel Ángel Álvarez, párroco da Fonsagrada

[Artículo en castellano]   Imaxe: cathopic

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: