Carlos Díaz estivo o día 28 no Colexio Divina Pastora de Lugo, onde foi presentado polo Delegado de Cáritas, Antón Negro. Na súa conferencia, Carlos Díaz transformou a coñecida frase de Descartes nestoutra: “Son amado, logo existo”. Porque o importante é saber dicir “ti” co corazón, e unha persoa xorde á vida persoal cando é amada. Tamén explicou Carlos Díaz o que é o personalismo comunitario: non se trata dun “eu” que se abre a un “ti”, pois desde que nacemos estamos abertos aos demais. Cantas máis persoas deixamos de abrazar, menos boa xente somos e menos grazas podemos dar a Deus. Sobre todo cando sabemos que hai persoas que non teñen un “ti” onde caerse mortas; esas persoas están agardándonos. Non somos Deus, pero fagamos o que poidamos.