As XXXV Xornadas Abertas de Teoloxía concluíron o 10 de marzo co relatorio do bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco, titulado “Cremos na resurrección da carne”
Mons. Alfonso Carrasco sinalou que “do testemuño da resurrección de Cristo pende a nosa esperanza e en realidade toda a nosa fe en Deus, do que comprendemos así que non nos abandona. Porque Xesucristo, pasando da morte á vida, non nos deixou atrás a nós e a este mundo que poderiamos dicir traidor, que o traizoara, para ir a terras e ceos máis felices. Non resucitou para quedar só senón para ben de todos como o primoxénito…. A resurrección da nosa carne será froito da incorporación ao Corpo de Cristo, dunha participación, dunha unidade con El que ten a súa expresión histórica nos sacramentos”.
Mons. Alfonso Carrasco repasou algunhas perspectivas non cristiás da morte:
– Están os que identifican glorificación da humanidade cunha conclusión do progreso humano
– A perspectiva helenística (hoxe representada por quen fala de mitos gnósticos) ve a alma nunha prisión corporal
– Os desinteresados polo destino da alma trala morte consideran como único importante o mundo terreal
– Os crentes na reencarnación, algo nada esperanzador, pois nin unha nin mil reencarnacións abondarían para alcanzar a salvación.
– Outra perspectiva non cristiá é a de quen ve a morte como aniquilamento de alma e corpo
Tamén advertiu Mons. Alfonso Carrasco tanto sobre as ideoloxías para as cales este mundo non vale nada como aqueloutras que, divinizando o mundo, convérteno no único horizonte da vida humana.