O día 13, José Antonio Ferreiro Varela falou sobre: Igualdade radical nunha trama de diversidade. Igrexa e liturxia.
Comezou José A. Ferreiro referíndose a dous postulados: 1) a pretensión da Igrexa é que o home contemporáneo teña un encontro co Xesús vivo; 2) a Igrexa como misterio de salvación. E o resto da conferencia estivo dividida en 4 partes:
1. Igrexa como comuñón. A categoría comuñón é clave a partir do Vaticano II, aínda que a comuñón eucarística sempre estivo presente.
2. Lumen gentium. Falou José A. Ferreiro da necesidade dunha actualización na Palabra e nos sacramentos, os cales forman parte da estrutura constitutiva da Igrexa.
3. A liturxia como fonte e medio de comuñón. A liturxia é obra de Deus (opus Dei) no mundo actual, é un proceso de entrega e aceptación da Palabra e os sacramentos.
4. Igualdade radical dos membros da Igrexa: Na Igrexa hai unha identidade común aínda que vexamos variedade de ministerios, carismas, tradicións litúrxicas. A misión da Igrexa é comuñón de misións. E un lugar que foi e segue sendo eficaz para vivir en comuñón é a parroquia.
O día 12 a conferencia foi sobre Tempo de comunicación, evanxelización e conversión. O encargado de pronunciala, Rvdo. Padre Esteban Munilla, dixo que non se pode vivir á marxe dos medios de comunicación e hai que saber usalos. Así como a Igrexa está presente na radio e nas redes sociais desde o inicio deses medios, aínda se están a facer esforzos para ter unha presenza no mundo televisivo. Neste mundo é caro estar e a Igrexa vive por e para os pobres, polo que ten as súas prioridades. As redes son máis baratas.
Sobre a nova evanxelización, o Padre Munilla foi enumerando os pasos a dar: acollida, escoita, estar no momento que sexa necesario (para que os demais sempre nos teñan ao seu carón cando queiran comunicar a súa inquietude), ir ao corazón dos demais (que se consideren queridos), presentar argumentos.
Estas conferencias estiveron organizadas pola Xunta de Confrarías de Semana Santa de Lugo.