Reunidos en Consello os representantes electos dos sacerdotes da Diocese de Lugo na mañá do 7 de xuño de 2017, por decisión unánime de todos os membros da Asemblea -sen a presenza do Sr. Bispo e dos seus Vicarios- queren facer pública a súa posición sobre as noticias difundidas durante os últimos meses sobre a situación xerada nalgunhas parroquias de Friol e Guitiriz en relación co traslado dun dos seus sacerdotes, que viña exercendo o seu ministerio nesa zona.
Estes feitos afectan negativamente non só a persoas individuais ou a unha zona concreta do territorio diocesano, senón a toda a Diocese e ás súas institucións, creando unha opinión pública que dana gravemente a súa imaxe e falsea a verdade e a natureza mesma da misión pastoral.
Ante a confusión e o desconcerto que estes feitos producen no clero diocesano e nos fieis en xeral, expresamos que:
1. É público e notorio que o noso ministerio sacerdotal ordénase ao servizo da Igrexa, naqueles lugares e tarefas que a Diocese requira en cada momento, por indicación dos seus Pastores.
2. Manifestamos e renovamos a nosa adhesión ao Bispo e aos seus Vicarios, co fin de fortalecer a unidade e a comuñón imprescindible para unha correcta atención pastoral a todos os fieis.
3. Expresamos, así mesmo, especial proximidade e afecto aos nosos irmáns sacerdotes que desenvolven o seu ministerio nesa zona, que desde o principio mostraron a súa disponibilidade para que en ningún momento os fieis se vexan privados da atención sacerdotal ordinaria. Eles están soportando tamén, dun xeito directo e inmediato, os efectos desta lamentable situación.
4. Cónstanos que unha maioría silenciosa de fieis desas comunidades parroquiais rexeitan todo xénero de conflito e violencia, e queren manter a comuñón e vivir serenamente a súa fe. Desexamos que tales comunidades poidan recuperar canto antes a normalidade da vida eclesial.