Ante as informacións sobre a credencial do peregrino expedida en Lugo, manifestamos:
– Esta Diocese recibiu a última hora da tarde de onte unha nota da Oficina de Acollida ao Peregrino, que foi publicada na prensa, negando todo recoñecemento a unha credencial que esta Diocese tería expedido.
– Devandita credencial é, en realidade, iniciativa da Asociación Lugo Monumental, co patrocinio de La Voz de Galicia e o apoio explícito do Bispado de Lugo que considerou moi positivo este proxecto. Esta credencial foi presentada o 19 de novembro de 2015. A recadación pola venda da mesma (1 €) é destinada pola Asociación íntegramente a Cáritas diocesana de Lugo.
– Desde os inicios da historia da Igrexa, os Bispos expediron cartas credenciais ou documentos semellantes aos fieis que partían das súas Dioceses, coas que acreditar a súa condición de católicos ou de peregrinos, e sempre foron recibidas como válidas nas Igrexas ás que se dirixían.
– En todo caso, procurouse respectar a vontade do Cabido da Catedral de Santiago, manifestada nunha nota do 17 de decembro de 2015 e publicada no Boletín Oficial do Arcebispado de Santiago, segundo a cal só recoñecerán como válida a credencial que eles emitan, garantindo a acollida doutras credenciais soamente ata o próximo primeiro de abril.
– Non comprendemos, xa que logo, o rexeitamento expresado agora pola Oficina de Acollida ao Peregrino en exclusiva a esta credencial. Confiamos que esta cuestión resolverase seguindo as canles eclesiais normais.