Tivo lugar en Santiago de Compostela, o 11 de decembro, unha Reunión Ordinaria dos Bispos da Provincia Eclesiástica de Santiago, que comprende as dioceses de Santiago de Compostela, Tui-Vigo, Mondoñedo-Ferrol, Lugo, e Ourense.
Neste encontro, que se enmarca nas reunións periódicas que celebra a Provincia eclesiástica, os bispos reflexionaron e dialogaron sobre a reforma dos procesos de nulidade matrimonial á luz do Motu propio do Papa Francisco, Mitis Iudex Dominus Iesus, co fin de determinar uns criterios comúns para a súa posta en práctica no que corresponde á Provincia eclesiástica de Santiago. Así mesmo comunican que este texto lexislativo entrou en vigor o 8 de decembro de 2015, Solemnidade da Inmaculada Concepción.
Os bispos queren destacar que, o Motu Proprio Mitis Iudex Dominus Iesus, recordando unha vez máis a doutrina católica sobre a indisolubilidade do matrimonio, supón unha importante reforma do proceso que ordena e regula, sen merma da seguridade xurídica, as causas de nulidade do matrimonio eliminando ou simplificando os trámites e promovendo a celeridade na súa tramitación. Valoran que o espírito e finalidade da reforma aséntase en tres elementos:
– A intención do Santo Padre de poñer de relevo a potestade que compete aos Bispos diocesanos de xulgar aos seus propios fieis;
– A preocupación pastoral por eliminar os obstáculos que atopan os fieis para acceder aos tribunais da Igrexa, verdadeiros instrumentos da pastoral diocesana; para o que se deberá favorecer a creación das estruturas eclesiais que permitan a adecuada, fluída e fraterna relación entre os sacerdotes e equipos pastorais con aqueles que viven o drama do fracaso conxugal;
– Tal e como advertimos, e de acordo co manifestado polos Padres do Sínodo extraordinario de outubro de 2014, non se trata de favorecer a nulidade dos matrimonios, senón de procurar a celeridade dos procesos e unha adecuada simplificación, de modo que,”por mor dun atraso na definición do xuízo, o corazón dos fieis que esperan a clarificación do propio estado non quede longamente oprimido polas tebras da dúbida” (párrafo 6º do proemio do Motu propio).
Por todo iso agradecen a solicitude do Papa Francisco que reafirma a proximidade da Igrexa cara aos matrimonios que sofren dificultades na súa vida conxugal.
A reforma promulgada pon de relevo o desexo, “en canto sexa posible, e salvada a xusta e digna retribución dos operadores dos tribunais, que se asegure a gratuidade dos procesos” (nº VI do proemio). Trátase dun principio ou criterio que continúa unha praxe xa existente nos tribunais eclesiásticos nas nosas dioceses: que ningún fiel se vexa privado do acceso á xustiza na Igrexa, especialmente polo que se refire aos procesos declarativos de nulidade do matrimonio, por insuficiencia de medios económicos. Actualmente nas dioceses galegas concédese a gratuidade total ou a redución de taxas (en proporción que oscila desde o 25 ao 75 %) atendendo á situación económica das partes. Beneficio que se recoñece con xenerosidade e amplitude atendendo non só aos ingresos senón tamén ás cargas, familiares ou outras, que inciden na situación socio-económica da persoa ou a unidade familiar.
Polo que se refire ás iniciativas pastorais e á mellor e máis progresiva aplicación dos criterios de accesibilidade aos tribunais -tamén por razóns económicas- concretaranse nun Documento e/ou Decreto as normas que permitan unha mellor aplicación da lexislación procesal xa en vigor contida no Motu propio por parte dos tribunais eclesiásticos en Galicia.