Para a Diocese de Lugo, os centos de peregrinos que a percorren diariamente en Camiño a Santiago (sexa polo Camiño Francés, o Primitivo ou a Vía da Prata) supoñen unha importante prioridade pastoral.
Sabemos que o peregrino valora e agradece que as igrexas estean abertas, como lugares cargados de experiencia non só cultural, senón relixiosa, e específicamente cristiá.
Resulta imposible, con todo, que os sacerdotes sós poidan manter todas as igrexas que teñen encomendadas abertas a diferentes horas.
Para levar a cabo esta tarefa, son necesarias persoas nas cales depositemos a nosa confianza. A súa tarefa non é soamente a de abrir unha porta e selar unha credencial, senón a dunha acollida verdadeira, que escoite ao peregrino e o asista no que necesite, o que non se reduce a unha información artística e cultural. Pois o peregrino, que vai facendo paso a paso un auténtico camiño interior, pode esperar con razón en cada igrexa unha ocasión de encontro con Deus, con Xesucristo, que enriqueza a súa propia vida.
O convenio entre a Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo e a Diocese de Lugo permitía precisamente que as igrexas estivesen atendidas por persoas desde o mes de maio a setembro.
O presente ano, ao pedir a renovación do convenio, solicitouse que entrase en vigor quince días antes, dada a proximidade da Semana Santa e sabedores do considerable aumento de peregrinos nesta época; pero a resposta foi negativa.
As negociacións para a renovación do convenio están en curso; aínda que se nos anuncia unha rebaixa da súa contía económica nun 50% con respecto á cantidade do ano pasado. Iso levaríanos a non poder abrir a metade das igrexas ou ben a reducir á metade o seu horario de apertura.
Esta situación preocúpanos, porque, máis aló da imaxe de Galicia que poidamos ofrecer a xentes provenientes de tantos lugares, consideramos prioritario o coidado de todos os que fan o Camiño e sabemos que deben poder atoparse coas riquezas que depositou nel unha tradición cristiá secular.
José Criado
Delegado de Santuarios e Peregrinacións da Diocese de Lugo