Con motivo do nomeamento do sacerdote José Ramón Pérez García como administrador para as parroquias de San Martín de Quiroga, San Clodio de Ribas de Sil e unidas, e xa que logo o seu cese nas parroquias da zona de Friol e Guitiriz, a Diocese de Lugo manifesta o seguinte:
Agradece as expresións de afecto manifestadas por persoas e institucións ao sacerdote José Ramón Pérez García, mostra de agradecemento e agarimo polo bo traballo realizado durante o tempo que estivo nestas parroquias.
Tras un longo proceso de discernimento e diálogo coas persoas implicadas nos respectivos nomeamentos realizados na nosa Diocese, tomáronse as decisións oportunas pensando sempre no ben das comunidades parroquiais e dos propios sacerdotes.
A todos os implicados nos novos nomeamentos fíxoselles unha proposta dos seus destinos que aceptaron voluntariamente, polo que sería erróneo pensar nalgún tipo de imposición ou coacción.
Dada a extensión da Diocese de Lugo, con 1139 parroquias, é necesario pensar, cada vez máis, nunha distribución racional do clero, para que todos os fieis estean coidados pastoralmente do mellor xeito posible.
Os fieis da zona de Friol e Guitiriz non quedan de ningún xeito desatendidos pastoralmente xa que para as mesmas parroquias que rexentaba José Ramón Pérez García, envíase a José Luis González Regueiro, sacerdote moi respectado, preparado e capacitado para atendelos en todas as súas necesidades.