Esta é a pregunta que lle fai Nicodemo a Xesús despois que este lle dixese que «o que non naza de novo non pode ver o Reino de Deus» (Xn 3, 3). Se non coñecen o texto, poden ler toda a conversación entre Nicodemo e Xesús no capítulo 3 do Evanxeo de san Xoán.
En Europa somos cristiáns desde o mesmo momento do inicio da Igrexa. Testemuño diso é que varios dos apóstolos están enterrados aquí. Sen ir máis lonxe, nós temos no centro de Galicia a tumba de Santiago.
Posuímos, por tanto, unha moi longa tradición cristiá ás nosas costas. Todo está vinculado a unha cultura cristiá da que non é posible escapar, independentemente de que sexamos cristiáns ou non, practicantes ou non.
Somos cristiáns vellos. Non hai dúbida. Pero, precisamente por iso, a indicación de Xesús a Nicodemo, a de que ten que nacer de novo, faise especialmente necesaria no tempo actual. Arrastramos moitas tradicións, das que xa descoñecemos o seu sentido orixinal, polo que é necesario revitalizar, dalgún xeito, a nosa fe. En definitiva, trátase de nacer de novo, aínda que sexamos xa moi vellos.
Quizais, máis influenciados pola ditadura do relativismo do que pensamos, estamos afeitos a facer as cousas só ao noso modo, mesmo aínda que non nos teñan sentido, ou porque o fai todo o mundo ou porque hai que facer algo. Non sei cal dos tres é a peor.
Se cadra algúns pensan que os curas queremos ter as igrexas cheas de calquera modo ou a calquera prezo. Tampouco digo que non haxa sacerdotes aos que unha igrexa chea até os topes o día dunha festa ou dun funeral de alguén «importante» léveos a crerse que toda esa xente está alí pola elocuencia das súas palabras. Pero a maioría non pensamos así.
Imaxínense que son os donos dun comercio de roupa. Está claro que un negocio é para gañar diñeiro, pero non de calquera modo. Por iso, estou seguro de que, salvo excepcións, ninguén lle vendería a un señor de 90 anos a peza dun adolescente. E aínda que se empeñase en comprala porque ten diñeiro e gástao como lle dá a gana, seguro que, polo menos, tentariamos disuadilo, porque con esa peza iría facendo o ridículo.
Pois, aínda que non o crean, na parroquia ás veces pásannos cousas parecidas. Hai persoas que só pensan que é cuestión de pagar e piden cousas das que non saben o seu significado ou que hoxe en día xa non teñen sentido, se é que o tiveron nalgún momento.
Necesitamos con moita urxencia, nacer de novo e revitalizar a nosa fe. Isto só vaise a producir se buscamos atoparnos con Xesucristo e formarnos nas cousas de Deus. Non se pode crer calquera cousa nin de calquera xeito.
A Madre Teresa de Calcuta dicía que non buscaba ter éxito, senón ser fiel. E o bispo Munilla di: «nós estamos chamados a dar froito, non a ter éxito». Para un sacerdote ter éxito é doado, e mesmo cunha boa recompensa económica en moitos casos, só debe cumprir os caprichos de todos. Pero dos caprichos non agardes froitos nin outras recompensas que merezan a pena de verdade. Será todo só unha cortina de fume.
Miguel Ángel Álvarez Pérez
Párroco da Fonsagrada