Cando alguén pretende pór en marcha unha actividade apostólica, debe pensar moi amodo o que pretende coa súa iniciativa, posto que o fin é o primeiro na concepción e, en función da súa finalidade, ha de orientarse toda a actividade da obra. A este respecto debe coidarse moito a intencionalidade, que as motivacións sexan correctas. Deus debe selo todo no noso corazón e nas nosas actividades, evitando cobrarlle comisións a Deus. De Deus recibímolo todo gratuitamente, e gratuitamente debémolo devolver. De Deus somos colaboradores. Tamén nós somos membros da Igrexa e o amor filial é inseparable do amor fraterno. No Nadal lembramos que o Pai Celestial regalounos o seu Fillo, como redentor de todos e, á súa vez, o Fillo regalounos a Igrexa, para continuar a súa obra no mundo. Pola súa banda, o Papa lémbranos que unha Igrexa sinodal debe ser unha Igrexa en saída. Toda a terra é campo de misión para os seguidores de Cristo, e moitos irmáns nosos, non son mellores por non ser suficientemente amados. O mandato do Señor é claro para todos os fillos da Igrexa. “Ide por todo o mundo, e predicar o evanxeo a todas as xeracións”. É unha pena que en pleno século XXI falte pan branco en moitos fogares da terra, pero non o é menos que o pan da palabra de Deus sexa descoñecida para multitude de seres humanos. Non lles chegou a grata noticia do nacemento do Redentor, posto que ninguén lles falou do fausto acontecemento do Salvador. Difícil e penosa situación para moitos dos nosos irmáns. Debemos estar motivados para revisar a nosa aptitude pouco evanxélica e para enxertar aos nosos concidadáns doses de celo pastoral semellante ao que moveu aos primitivos cristiáns a regar co seu sangue martirial, coa doutrina que eles viviron e que converteron o culto dos ídolos dos pagáns, en culto ao Deus dos cristiáns. Non esquezamos que favores suman gratitude, e que débedas reclaman xustas compensacións. Pois a nosa gratitude é inmensa e a nosa débeda inconmensurable.
Urxe saldar contas. Debemos ao Señor mil favores: a vida; o agarimo dunha familia que comparte connosco mesa e afecto. A comprensión dunha veciñanza que valorou a nosa suor e facilitou a nosa convivencia. Debemos aos próximos o perdón das nosas faltas, que foron para eles pingas de vinagre no seu vivir cotián.
Anímanos a esperanza de que non nos vai a faltar en diante a amizade dos amigos e a confianza de que viviremos un tempo máis.
Confiamos que o Señor nos concederá multitude de favores e perdoaranos incontables deficiencias. Vivamos en esperanza e agradecidos. Poñamos da nosa parte o que dependa das nosas mans e o demais o porá o Señor, de cuxa providencia nos fiamos con fe de fillos.
Indalecio Gómez
Cóengo da Catedral