O Bispo da Diocese presidiu a Santa Misa solemne de acción de grazas con motivo de cumprirse cincuenta anos da fundación do Colexio da Asunción en Sarria. O pobo e os numerosos invitados encheron o templo da parroquia do Rosario como expresión de agradecemento a Deus, ás familias colaboradoras coa fundación e ás relixiosas da Asunción.
É bo non esquecer as persoas que, de moitos modos e formas, fan o ben nas nosas terras de Lugo. Se perder a memoria é grave, non saber ou non querer lembrar e agradecer, aínda que sexa inconscientemente, pode converterse nunha expresión dolorosa de perda de sensibilidade, de esterilidad e de ocultamento cultural de obras que foron e son exemplares para as xeracións futuras.
Non é este o lugar axeitado para unha historia tan densa. Por iso quedarán no anonimato multitude de nomes, circunstancias, acontecementos que entreteceron en Sarria un gran colexio e contribuíron á formación integral de numerosos nenos e mozos da comarca. A fe e a confianza inquebrantable dos fundadores do colexio abriron un camiño que continúa hoxe cheo de esperanza e producindo extraordinarios e excelentes froitos.
Nos convulsos tempos do século XIX, a fundadora da Congregación da Asunción, María Eugenia Milleret, convencida de que era necesario concederlle a preferencia a Deus nos corazóns, na sociedade e na historia, quere dedicar a súa vida a facerlle coñecer e amar a El e á Igrexa. E iso levaríase a cabo mediante a educación. Así poderíase transformar a sociedade para estender polo mundo o Reino de Deus. María Eugenia adiantábase así ás grandes propostas educativas do Concilio Vaticano II asumindo os valores éticos que máis tarde conformarían os proxectos educativos católicos de numerosas congregacións.
O proxecto de María Eugenia aterraba en Sarria a partir do mes de xullo de 1965. Era a primeira fundación da Asunción en Galicia co obxectivo de contribuír á promoción social e cultural, especialmente no rural. O 5 de agosto do mesmo ano chegaban as primeiras irmás da Congregación: sor María Evelia, sor María Elva, sor María Germana e sor María Camino.
Contan os anais que foron moi ben acollidas e recibidas, incluso os veciños tiveron que fornecelas de auga dada a escaseza que había daquela na vila, soamente dúas horas de auga ao día.
Pero a auga da cultura comezaba como un surtidor a producir sabrosos froitos. Hoxe, son máis de 300 alumnos e 30 profesores. Noraboa e longa vida para esta nobre institución.
Mario Vázquez Carballo
Vicario Xeral da Diocese