Menos mal que nos queda Portugal…e Finlandia!
Por enésima vez coa Relixión a voltas. Xa tocaba. Refírome á materia de Relixión na escola. E cinguireime á materia de Relixión Católica, non por exclusivismo, senón por proximidade académica, vivencial e emocional.
Os que levamos varias décadas nisto do ensino da Relixión pasamos por distintas e variadas experiencias profesionais, algunhas curiosas, todas apaixonantes.
Sabemos que a lexislación actual ampara a presenza da materia de Relixión nas distintas etapas educativas. Sabemos tamén que non só ampara á Católica. Sabemos que este feito xurídico vén reflectir unha demanda social que, aínda co paso do tempo…e coa que “foi caendo” mantense en niveis máis que aceptables.
Tivemos que ir pasando por diversas etapas. Houbo “materia espello”… en ocasións… en ocasións, non. Computou a materia de Relixión para medias e demais cuestións de ámbito administrativo, en ocasións, e en ocasións non.
Podiamos cantar aquí as virtudes sociorrelacionais da materia; podiamos falar de que transmite valores, cultura histórica…; podiamos falar da solidariedade e empatía que emana da Relixión… e estariamos a dicir cousas asisadas e axustadas á realidade.
Poderiamos seguir coa listaxe dicindo que a Relixión contribúe a responder ás grandes cuestións da existencia humana… quen somos, de onde vimos, onde imos? e, permítanme que traia a memoria ao coñecido grupo galego Siniestro total, que tantas veces nos deleitou con esta suxestiva e antropolóxica canción do seu álbum Menos mal que nos queda Portugal.
Poderiamos dicir tamén que a Relixión na escola favorece o crecemento persoal, que contribúe á creación dunha sociedade máis xusta, que axuda a unha mellor comprensión da nosa cultura, a nosa historia e a nosa sociedade.
Poderiamos dicir todo iso e dicímolo. E dicimos ademais que, guste máis ou menos, a relixión, todas e cada unha, han ir formando parte do camiño histórico da humanidade. Que postos a rastrexar as distintas épocas históricas e culturas que en el mundo han sido, -por citar agora a un clásico, frade para máis inri-, a relixión aparece como un fenómeno universal no espazo e no tempo.
É digno de non estudarse con seriedade académica tal fenómeno como o que vimos describindo? Parece razoable que ao alumnado español non lle caiba a posibilidade de enfrontarse academicamente ao fenómeno relixioso dentro dunha materia equiparable ao resto de materias fundamentais, tal e como reza a lexislación?
(Art.II Acordos Igrexa-Estado 1979).
Os nosos veciños portugueses, aínda sumidos en pleno rescate por parte da U.E. conseguiron un aumento envexable no que toca a calidade educativa. Preguntámonos, prescindiron da Relixión nas reformas levadas a cabo e que tanto éxito obxectivo conseguiron?. Pois non.
Viaxemos agora até o norte de Europa. A tan envexada Finlandia, polo seu sistema educativo desbordante de calidade, aínda que non só por iso. En Finlandia, poderiamos supor que dada a calidade do sistema educativo, a Relixión non está na escola de ningunha maneira -desculpen o ton irónico-. Pois, non. A Relixión está presente en todas e cada unha das etapas educativas: desde infantil, unha ou dúas horas semanais, pasando polo ensino obrigatorio, entre unha e tres horas semanais, até a postobrigatoria -preuniversitaria- unha hora semanal. Se nos achegamos á Europa da U.E. a práctica totalidade dos Estados contan nos seus currículos de ensino coa materia de Relixión.
Pois iso. Vivamos como europeos.
Menos mal que nos queda Portugal…e Finlandia!
Queque Bayo
Profesor de Relixión