É importante ter en conta a cuestión da relevancia que a familia tivo na historia e ten nas democracias modernas. Lendo a W. Galston, un recoñecido filósofo moral da Universidade de Maryland, chama a atención que subliña enerxicamente o papel que compete ás relixións en xeral e ao cristianismo en particular para crear os prerrequisitos culturais e morais en que haberá de basearse un Estado xusto e democrático. O citado autor presupón que os cidadáns, e de maneira especial os seus representantes, deben ter un elevado nivel de virtude e carácter moral. Entende que as democracias han de estar dotadas de calidade, cultura, gusto e tradición. Cre que unha democracia xusta necesita cidadáns virtuosos, e estes estarán comprometidos coas responsabilidades familiares e o coidado dos fillos. Pero, para a formación de cidadáns virtuosos son necesarias familias consistentes, estables e fortes. E, engade o autor, que isto é moi difícil sen a “religación”, é dicir, sen a relixión, xa que esta é esencial para a creación e fundamentación dunha ética cívica e para as motivacións e as fortes institucións socializadoras requiridas para formar familias comprometidas e cidadáns virtuosos.
Certamente, a construción dun proceso democrático correcto require a memoria histórica do feito irrefutable de que, desde os primeiros séculos, o matrimonio cristián ten o gran mérito de propor as mesmas regras a mulleres e homes: a fidelidade (e isto é realmente revolucionario) que se esixe a ambos, e a indisolubilidade como garantía, sobre todo, para as mulleres estériles, para que non puidesen nin poidan ser repudiadas (léanse a Lucetta Scaraffia, na súa obra La Gran Prostituta. Tópicos sobre la Iglesia a lo largo de la historia, Madrid, 2015).
As máis recentes investigacións sobre a evolución da familia en Occidente suxiren que o cristianismo tivo un labor decisivo e altamente eficaz neste proceso. As igrexas fixeron unha achega definitiva á socialización de familias estables e consistentes en Occidente. Sen dúbida, no futuro, a pesar das ideoloxías de xénero e das tempestuosas agresións da posmodernidade, xogarán aínda un rol moi importante. Aínda que é verdade que o cristianismo estivo implicado nas institucións patriarcais do mundo antigo grecorromano, nunca deixou de exercer unha notable influencia transformadora sobre a condición das mulleres e o benestar dos fillos. Deste xeito sentou as bases para a aparición dunha familia máis igualitaria. A teóloga de Harvard Elizabeth Schüssler Fiorenza demostrou que a Igrexa prepaulina desenvolveu unha nova modalidade de discipulado de iguais en que participaban homes e mulleres, moi diferente das relacións entre homes e mulleres dominadas polos códigos helenístico-romanos da honra e a vergoña.
Algúns historiadores chegan a afirmar que esa insistencia a favor da familia permanente e igualitaria, que o cristianismo axudou a instaurar na Europa Occidental, contribuíu a procesos socializadores baseados no profundo afecto entre os fillos e os pais ademais de cidadáns democráticos, racionais, laboriosos e educados. Por estas e outras razóns, os cristiáns deberiamos estar alerta no referente ás nosas responsabilidades en canto ao estudo e o debate da ética familiar e os valores que orientan a formación e o fortalecemento das familias.
J. Mario Vázquez Carballo
Vicario Xeral da Diocese
Imaxe: cathopic