Durante este tempo pascual, a Delegación Diocesana de Liturxia organiza dúas sesións formativas sobre as benaventuranzas os días 11 e 12 de abril. Baixo o título de “Benaventuranzas: un novo xeito de ser” o profesor José Antonio González García desenvolve o tema en dúas conferencias os días mencionados ás 20:15 h no salón de actos do Colexio dos Salesianos (praza da Milagrosa). A entrada é libre.
O primeiro día José Antonio González fixo unha presentación do tema: o que Deus quere para sermos nós felices está nas benaventuranzas. Nunhas hai actitudes ante Deus e noutras actitudes ante os irmáns. Tamén se sinalaron as diferencias entre o texto de Mateo e o de Lucas: este último diríxese a unha comunidade (a grega) cun problema de solidariedade (posto que estaban influídos polas escolas filosóficas gregas, isto é, pola ansia de liberdade e individualismo). En cambio, na comunidade á que se dirixe Mateo hai fariseos, coa súa autosuficiencia.