Avelino González López naceu en 1871 na parroquia de San Cristovo de Martín, no concello de Bóveda. En 1895 foi ordenado sacerdote e o seu primeiro destino foi San Vicente do Pino, en Monforte. No ano 1901 foi destinado a San Pedro, en Lugo, onde pasaría xa toda a súa vida sacerdotal ata o seu falecemento en 1924, aos 52 anos.
Foi un dos fundadores do periódico La Voz de la Verdad. Creou a Asociación de las Hijas de María, a Congregación de la Doctrina Cristiana, a Asociación de la Sagrada Familia e o Sindicato Católico Obrero. Os pobres e os enfermos tamén foron colectivos aos que axudou.
Jesús Guerra Mosquera recolleu testemuños sobre Avelino e asegura que “todos os que o coñeceron falaban da súa fe (expresada en todas as súas actitudes), da súa caridade (dábao todo), da súa humildade (era, en verdade, un home humilde de corazón), da súa obediencia (“xamais oimos dos seus labios unha protesta”) e do seu especial amor á Eucaristía e á Virxe” (Lvcensia, n. 28).