O Bispo de Lugo, monseñor Alfonso Carrasco, presidiu a Misa de Ramos na Paixón do Señor, que concelebraron cóengos da catedral e varios dos párrocos da cidade de Lugo. Asistiu un gran número de fieis.
Na súa homilia, Mons. Alfonso Carrasco, indicou que «comezamos a celebración da Semana Santa neste día do Domingo de Ramos no que acompañamos á imaxe do Noso Señor montado naquel burriño que entraba en Xerusalén. Mentres a xente se alegraba, El seguramente sabía moi ben o que facía e onde baixaba e cal era o destino que o agardaba».
Tamén sinalou que o primeiro consello que Xesús nos dá, e que pode acompañarnos nesta Semana Santa, é o de orar. Porque para seguir o seu camiño o home debe levar no seu corazón unha certa vixilancia, para ser quen de responder aos desafíos que aparecen na vida.
Xesús foi condenado no medio do boureo. Pídesenos a oración que nos axude a manter o noso corazón libre cando non consigamos que a nosa voz se oia máis que a dos demais, cando o boureo sexa forte.
E ás 19:30 h tiña lugar a procesión da Virxe das Dores, organizada pola Confraría do Desencravo do Señor e das Maiores Dores de María Santísima. Participaron autoridades eclesiásticas, civís e a Banda de Música de Meira.