Celebración do Corpus Christi

O domingo 6 de xuño, ás 11 h, na praza de Santa María de Lugo, o Bispo da Diocese, Mons. Alfonso Carrasco, presidiu a Solemne Eucaristía de Corpus.

Acompañaron a celebración un grupo de cantores do Orfeón Lucense e da coral Hospital de Lugo, que estrearon parte dunha obra inédita de José Castiñeira Pardo, Misa Solemne, con arranxo de Uxío Darriba. Despois da Misa actuou o grupo “Os Xílgaros de Lugo”.

Na súa homilía, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, comezou lembrando que “a nosa cidade hónrase desde moi antigo co privilexio da Eucaristía, que responde a unha fe, que puxo ao Santísimo no centro do Altar Maior da súa catedral. É pór no centro das miradas, no centro da devoción, aquilo no que confiamos e cremos”.

Na homilía tamén dixo o Bispo de Lugo o seguinte:

“Confiamos nas palabras de Xesús, nas súas ensinanzas, pero tamén nel e no que fixo: morrer e resucitar por nós. É así a Eucaristía o sacramento da verdade e das obras.

“A Eucaristía, é o sacramento do corpo e o sangue, pero o é porque detrás estaba alma e corazón, o espírito e a persoa. É o sacramento do Señor Xesús realmente. E apreciamos non só a palabra, senón o corpo e o sangue, non só os seus ensinos senón a alguén que entrega a súa vida até o final, sufrindo por nós, que non temeu sufrir por quen amaba; que non se deixou enganar ou disuadir dese amor e afirmación profunda nin polos sufrimentos ou as tentacións, nin polo drama máis grande foi disuadido dese amor que levaba no corazón, e iso é o que celebramos hoxe: o amor que demostrou Divos enviando ao seu fillo, celebramos a grandeza do corazón do Señor, que encheu ao home do esplendor divino. (…) Cremos nun Deus que non quixo só axudarnos, senón que quixo vir El e quedar connosco.

“Xesús amou a Deus Pai, e amándoo a El, coñecendo a súa vontade, o que quería, cal era a razón do mundo… Xesús amouna e con ela amou o que o Pai fixera: o mundo e o home. Amar ao Pai é amar a súa vontade e as súas obras. O Pai fíxonos a todos e amar a obra do Pai é amarnos a nós. É un si a Deus, á súa obra, ao mundo e, sobre todo, aos fillos de Deus.

“Na Eucaristía aprendemos a amar ao próximo, a realidade amada por Deus, a amar ao irmán e á irmá que temos ao noso carón, aprendemos a amalo máis aló do seu pecado. Aprender a amar ao próximo, a respectar a obra de Deus, cambiaría o mundo. Se non deixamos entrar a novidade de Deus no corazón, é difícil que o mundo cambie.

“Cremos no Señor Xesús, que desvelou o misterio da vida, levouno a cumprimento e trouxo a resurrección para sempre. Confiamos nel, no seu amor e, mirando a Eucaristía, vemos o signo, o sacramento dun amor real por nós, por cada un de nós.

“Estamos chamados a imitar o amor de Deus, non só con palabras, senón con obras, non só nun momento, senón con perseveranza, paciencia, no tempo, en toda a vida.

“Nós seguiremos loando ao Santísimo, confiando nel, aprendendo e esperando no seu inmenso amor para nós, para as nosas familias e casas e para o ben da nosa cidade”.

[Fotos]

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: