O mércores 9 de febreiro cúmprense 14 anos da ordenación episcopal e toma de posesión de Mons. Alfonso Carrasco Rouco como bispo de Lugo. O devandito día, Mons. Alfonso Carrasco presidiu na Catedral a Eucaristía e na homilía indicou que “a sucesión apostólica é un signo de como imos de xeración en xeración enxertándonos na mesma Igrexa, no mesmo Pobo de Cristo, recibindo o mesmo espírito, o mesmo Evanxeo, escoitando ao mesmo Mestre, alimentándonos co mesmo Pan. A sucesión apostólica dinos que o Señor é quen está no medio de nós, a pedra angular, o fundamento. A isto pertencemos en cada xeración e concretamente cada un de nós, que non somos estranxeiros senón que estamos na casa do Señor”.
Finalmente, dixo Mons. Alfonso Carrasco: “Hoxe deamos grazas ao Señor porque nos chamase a ser parte do seu pobo, poque nos uniu. Cando celebramos días como este, agradecemos ao Señor por todas as persoas que nos puxo no camiño, coas que nos fixo partícipes da súa sabedoría e da súa graza. Porque por medio de moitos o Señor acompañounos sempre. Podemos dar grazas pola súa Igrexa, que camiña ao longo dos séculos. Celebramos un aniversario; moitos viñeron antes”.