A Diocese de Lugo celebra o 10 de maio a festividade de San Xoán de Ávila, patrón do clero español, con varios actos no Seminario: O primeiro foi unha conferencia do profesor Xosé Manuel Domínguez (Instituto da Familia de Ourense). O título da disertación era “Que lle pide hoxe un laico a un cura?” e as respotas que foi dando foron as seguintes:
“En primeiro lugar é que dea testemuña da súa fe, do seu vencello con Cristo, estando en comunicación explícita coa Igrexa, co seu Bispo.
Segundo, o que lle pedimos é que sexa alguén que anuncie, que fale de Cristo, que anuncie o Evanxeo, sen perderse en cuestións de segunda orde.
Terceiro, que non perda o seu profetismo, de denuncia do que está mal.
E que sexa alguén próximo, que acompañe construíndo comunidade. Ten que ser líder comunitario, non un simple funcionario de administración de sacramentos, senón que acompañe, que sexa un xerador de comunidade.
Hai certos ámbitos nos que necesitamos que haxa sacerdotes implicados: pastoral familiar, pastoral xuvenil.
Os sacerdotes forman unha comunidade presbiteral, deben ser acompañados uns polos outros. Non poden illarse porque tamén teñen sufrimento, dificultades.
Outro aspecto é a sanación, mostrando a dignidade daquel con quen está, interesándose, escoitando moito, promovendo a confesión sacramental.
Finalmente, que o sacerdote cambie para ben a vida dos demais coa súa alegría”.
Trala conferencia, celébrase a Eucaristía presidida polo Sr. Bispo, e unha comida de confraternidade.