O domingo 19 de xuño, solemnidade de Corpus Christi, ás 11h na praza de Santa María (sempre que o permitan as condicións meteorolóxicas, e de non ser así sería na catedral) celébrase a Eucaristía de Corpus presidida polo Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco.
Acompañarán a celebración o Orfeón Lucense, a Banda Filharmónica de Lugo e o Coro do Hospital. Estrearase unha obra do sacerdote e músico José Castiñeira, Misa Solemne a 5-6 voces, con arranxos de Uxío Domínguez. A continuación, procesión polas rúas da cidade.
A partir das 10.30 h na igrexa dos Franciscanos, a Xunta de Confrarías de Semana Santa de Lugo, repartirá pétalos de flores para arroxar ao paso do Santísimo.
Antes, durante e ao finalizar a procesión actuará o grupo “Os Xílgaros de Lugo”, dirixido por Óscar Pérez.
Por outra parte, entre os días 18 e 26 de xuño ten lugar na Catedral a Novena na honra ao Santísimo Sacramento “A Eucaristía, a Alianza das alianzas”. O predicador será o Delegado Episcopal de Laicos, Familia e Vida, Nicolás Susena Presas. O último día da Novena coincide co día no que se clausura o Ano da Familia.
Horario: ás 19:30 h Rosario e ás 20 h Eucaristía