Celebración da Misa Crismal o Mércores Santo

crisma oleos

O Mércores Santo 1 de abril, ás 11 h na Catedral de Lugo, o Bispo da Diocese, Mons. Carrasco Rouco, presidiu a Misa Crismal. Trátase dun dos acontecementos introductorios ao Triduo Pascual e ten dúas peculiaridades:

1. O Bispo, consagra o “Santo Crisma” (de aí o nome de “Misa Crismal”) mestura de aceite de oliva e bálsamo e bendí o óleo dos catecúmenos e dos enfermos.

2. Tamén teñen lugar a renovación das promesas sacerdotais. Por iso, de ser unha celebración prevista para o Xoves Santo pola mañá, poñendo fin ao tempo litúrxico da Coresma, pasou a celebrarse o Mércores Santo, coa idea de que participen o maior número de sacerdotes posibles.

Os elementos constitutivos do crisma tamén son dous: aceite, que é o ingrediente preponderante e principal e bálsamo. Esta é unha sustancia aromática e resinosa que se extrae da madeira de certas plantas. No caso da Diocese de Lugo, o aceite provén de Quiroga.

OS  SANTOS  ÓLEOS  SON  TRES

O Santo Crisma

A palabra grega “crisma” provén de chrio, ‘unxir’, que deu orixe ao termo Cristos que significa ‘O Unxido’. De aí deriva a palabra Cristo. Co crisma únxese a cabeza do bautizado, a fronte da persoa confirmada, a cabeza e as mans dun Bispo na súa consagración e as mans dun sacerdote na súa ordenación. Tamén as paredes e altares das igrexas, que son solemnemente consagradas, e as partes dos vasos sagrados utilizados na Misa que entran en contacto coas sagradas especies, como a patena e o cáliz. Ademais, utilízase na bendición solemne das campás e da auga bautismal.

O Oleo dos Catecúmenos, usado para unxir aos que están preparándose para o Bautismo. Os bautizandos reciben forza para renunciar ao diaño e ao pecado, antes de que se acheguen e renazan da fonte da vida.

O Oleo dos Enfermos, usado no Sacramento da unción dos enfermos

CERIMONIAL

O aceite e o bálsamo son levados en procesión solemne ata o presbiterio logo da Comuñón, e colócanse sobre unha mesa. A continuación, bendíse o bálsamo, que se mantén nunha bandexa, e do mesmo xeito que o aceite de oliva, que se reserva nun envase. Logo disto o bálsamo mestúrase co aceite. Entón, o crisma, perfeccionado cunha oración final, recibe a homenaxe de todos os ministros sagrados presentes. Logo da cerimonia lévase de novo á sancristía, e distribúese entre os párrocos que custodiarán dignamente os santos óleos para o seu uso nos sacramentos.

Os óleos do ano anterior deben queimarse ou se sobran en gran cantidade poden consumirse nalgunha lámpada. O sacerdote encargado da súa custodia debe velar para que se renove cada ano, aínda que se non houbese dispoñible o do ano, o sacramento impartido con el sería válido.

O crisma conságrase (faise sagrado) e os outros óleos soamente se bendín. A consagración do crisma é de competencia exclusiva do Bispo

SIGNIFICADO

O aceite de oliva, sendo pola súa propia natureza rico, difusivo e durable, é apto para representar a efusión abundante da graza sacramental, mentres que o bálsamo, que lle dá os aromas máis agradables e fragantes, representa o suave cheiro da vida cristiá, a dozura innata da virtude. O aceite tamén lles dá forza e flexibilidade ás extremidades, mentres que o bálsamo preserva da corrupción. Así, a unción co crisma significa a plenitude da graza e a fortaleza espiritual polas cales somos capaces de resistir o contaxio do pecado e producir as doces flores da virtude.

A unción co crisma representa a plena difusión da graza. Significa que os cristiáns, polo bautismo, participan do sacerdocio real e profético de Cristo, e reciben pola confirmación a unción espiritual do Espírito Santo, que se lles dá.

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: