Durante os días 30 e 31 do pasado mes de xaneiro celebráronse en Lugo, as xomadas `Católicos e vida pública’ sobre o tema: `Católicos, sociedade e política. Compromiso e coherencia’. As xornadas son unha iniciativa da Asociación Católica de Propagandistas e a fundación San Pablo CEU, e xorden tralo éxito alcanzado polos congresos católicos e vida pública que se organizan desde o ano 1999 en Madrid. Aínda que é o primeiro congreso que se celebrou en Lugo, non é a primeira vez que a Asociación Católica de Propagandistas colabora coa Diocese.
As famosas e históricas xornadas Abertas de Teoloxía que se celebran ininterrumpidamente na Diocese desde fai 28 anos, naceron como froito dunha estreita colaboración coa Asociación Católica de Propagandistas.
Agora, en Lugo, retomouse de novo esta temática de tanto interese para a Igrexa e para a sociedade. O risco de separar a fe da razón, da ciencia, da política, do compromiso social e económico está e estará sempre presente. Aínda hoxe atópome con moitos interlocutores que pensan que crer non é razoable e que a ciencia ten sempre a última palabra. Escuras razóns inciden nesta triste realidade.
Con todo, a Igrexa desde o Concilio Vaticano II e a través de moitos documentos, recorda na súa doutrina oficial a necesidade ineludible de unir a fe e a razón, a fe e a ciencia, así como a existencia cristiá á política, á economía e a todas a realidades terreas.
Hai unha moi significativa exhortación dos bispos españois do ano 1985 na que se insiste en todas estas realidades, baixo o título `Testemuñas do Deus vivo’. E unha instrución da Conferencia Episcopal Española do ano 1986, titulada `Os católicos na vida pública’ tiña como fin esencial impulsar a presenza e a intervención dos cristiáns na vida político-social. Outros moitos documentos pontificios e da Conferencia Episcopal Española inciden nesta temática.
Esta misión de renovación permanente e dinamismo apostólico da Igrexa con respecto á sociedade se fundamenta na mesma condición humana e na concepción antropolóxica cristiá. Como seres creados por Deus para a relación e para a convivencia, o cristián non pode permanecer á marxe do mundo e das preocupacións dos seus irmáns.
Creados para a salvación integral, os cristiáns senten a chamada a coidar dos demais e da natureza no seu conxunto.
A xusta autonomía das cousas creadas non debe impedir a preocupación da Igrexa e de todos os cristiáns e católicos pola cousa pública. Nin reclusión dos cristiáns á sancristía como moitos pretenden, nin imposición por ningunha das partes dun determinado modelo de sociedade. No contexto dun san pluralismo, todos estamos chamados ao respecto mutuo e á colaboración. Somos cristiáns e cidadáns. E sen estas calidades non se entende Europa nin España.
Por outra banda, aínda que as formas de estar e facerse presentes na sociedade deben expresarse de xeitos diferentes nos sacerdotes, relixiosos ou relixiosas e no laicado, ninguén debe sentirse excluído desta vocación á misión. Aos laicos diríxese dun modo especial a chamada da Igrexa.
Ela quere facerlles caer na conta de que a Caridade, principal virtude cristiá, non se esgota nos traballos persoais, servindo aos demais de un en un, senón que ten unha dimensión social e política.
A dedicación á política e en xeral, ás actividades públicas pode estar movida, certamente, pola procura egoísta de vantaxes persoais, pero é tamén unha forma eminente de exercicio da caridade (a chamada caridade política) á que están especialmente chamados os católicos segrares.
A Igrexa quere acompañar a estes segrares máis comprometidos na vida pública, de dúas formas especialmente: axudándolles a integrar harmónicamente ese compromiso na súa vida de crentes e ofrecéndolles oportunidades de preparación específica para a vida pública. A esta realidade queren responder os congresos e outras actividades organizadas pola Igrexa para que o determinante dun católico á hora de emitir o voto sexa sempre o ben común e a consideración dos máis necesitados.
Por Mario Vázquez, Vicario Xeral