Exposición Gallaecia Regnum con motivo do 350 aniversario da Ofrenda ao Santísimo

A exposición Gallaecia Regnum poderá verse ata despois do verán na Capela de San Froilán da Catedral de Lugo a partir do venres 28 de xuño. É unha viaxe a través dos tres séculos e medio de historia da Ofrenda do Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento utilizando por iso unha coidada selección de pezas de máximo nivel histórico e artístico, sendo varias delas mostradas en público por primeira vez.

Entre a selección de pezas de ourivaría está a Custodia que Diego Castejón e Fonseca regalou en 1636 e que foi a utilizada na primeira cerimonia da Ofrenda do Reino de Galicia ao Santísimo; tamén dous cálices esmoleiros da segunda metade do século XVIII, así como pezas de ourivaría doutras zonas da Diocese de Lugo, como unha cruz procesional de prata do século XVII de San Pedro de Sindrán (Monforte de Lemos) ou un acetre de prata do Santuario do Corpiño.

A exposición inclúe tamén un importante conxunto de documentos de arquivo, todos eles do Arquivo da Catedral de Lugo, incluíndo actas capitulares do século XVII ou os libros das Confrarías do Santísimo Sacramento dos séculos XVII, XVIII e XIX. Tamén se exporá unha Real Cédula do século XVIII cun donativo para o Santísimo Sacramento exposto na Catedral de Lugo.

Entre a selección de pezas hai tamén téxtiles, como a capa pluvial do Arcebispo de Santiago Bartolomé de Rajoy, presente na inauguración, hai 250 anos, do Tabernáculo de mármore da Capela Maior.

A exposición tamén contará unha selección de textos históricos e un vídeo que lembra o acontecido no 300 aniversario da Ofrenda, no ano 1969.

Solemnidade do Corpus Christi na Catedral de Lugo

O domingo 23 de xuño na Catedral de Lugo, o Bispo da Diocese, Mons. Alfonso Carrasco, presidiu a Solemne Eucaristía de Corpus.

Centos de fieis asistiron a esta celebración, na que tamén participaron as seguintes agrupacións musicais: Orfeón Lucense, ogrupo de cámara da Banda Filarmónica de Lugo e a coral Xeral-Calde.

Despois da Eucaristía, as autoridades, movementos, asociacións, confrarías, representantes das parroquias, colectivos doutros países con presenza na Diocese lucense e fieis participaron na procesión de Corpus que, debido ao mal tempo, só percorreu os arredores da Catedral.

Na súa homilía, o Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, lembrou que este ano cúmprese o 350 aniversario da Ofrenda do Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento: “a fe fixo posible esta tradición; a decisión do Reino é expresión dunha conciencia compartida, é a expresión da fe e esperanza deste pobo na Eucaristía, que é fonte do Amor inmenso co que queremos construír a nosa terra”. Insistiu: “Ante o Santísimo Sacramento expresamos a conciencia que temos de nós mesmos, da nosa fe e da nosa identidade”.

Nesta festa do Corpus, que celebramos con toda solemnidade e na que honramos o Corpo de Cristo expresamos e “afirmamos que o seu amor é a nosa esperanza. Na Eucaristía móstrase toda a plenitude do amor inmenso de Deus cara aos homes”

Terminou a súa homilía lembrando que o Corpus é tamén a festa de Caridade: “movidos intimamente por este sacramento da unidade, da caridade e da paz, somos interpelados a vivir no Amor, que é o que nos empuxa ao ben; nel cobra sentido a xustiza, a caridade, o facer o ben aos demais “.

A Catedral de Lugo ten un novo servizo para as visitas culturais e turísticas

O deán da Catedral, Mario Vázquez Carballo, informa da novidade aos medios de comunicación

 O 18 de xuño púxose en práctica o convenio de acompañamento na xestión integral da visita turístico-cultural á Catedral de Lugo que o Cabido acordou coa empresa ArtiSplendore. A finalidade é dar unha resposta axeitada e profesional ao incremento de visitas turísticas e ao crecente número de peregrinos que acoden á Basílica.

Este tipo colaboración é unha fórmula coñecida e aplicada noutras catedrais galegas, españolas e estranxeiras.

A Catedral de Lugo ten unha particularidade excepcional: é un templo eucarístico coa exposición permanente do Santísimo no seu altar maior, e por tanto é, en primeiro lugar, centro de oración e culto. Esta dimensión é irrenunciable e, precisamente por iso, é necesario garantir o ambiente de recollemento.

A xestión e organización do culto e a vida litúrxica son responsabilidade do cabido catedralicio e a empresa ArtiSplendore limitarase exclusivamente á xestión das visitas culturais e turísticas á Catedral. Búscase a convivencia entre a dimensión celebrativa e de culto, coa visita cultural: por unha banda, mantense o acceso libre e gratuíto de todas as persoas que vaian rezar ou ás celebracións eucarísticas e, por outro, hai un acceso ordenado e controlado daquelas persoas só interesadas en visitar o templo como lugar cultural, de maneira que nunca se entorpeza o necesario ambiente de silencio e oración.

ArtiSplendore presta un servizo profesional de acollida, acompañamento e explicación tanto da Catedral, como do Museo Diocesano – Catedralicio e das torres. As visitas culturais e turísticas comprenderán:

– Un servizo de audioguías, para que o visitante goce do patrimonio da Catedral dunha forma amable e didáctica. Os guións reproducidos combinan investigación histórica e sensibilidade para superar as expectativas do visitante. Os idiomas dispoñibles nos dispositivos serán os seguintes: español, galego, inglés, francés, e portugués. Proximamente haberá unha audioguía para o público infantil.

– Articketing será outro servizo tecnolóxico: unha plataforma de xestión de venda de entradas a través de múltiples canles de venda.

Outras accións irán encamiñadas a un maior coñecemento da Catedral fóra de Galicia.

Celebracións de sacramentos de iniciación cristiá na Catedral

O 1 de xuño ás 18 h na Catedral de Lugo celebran conxuntamente os sacramentos de iniciación cristiá unha trintena de fregueses de varias parroquias da Diocese: San Pedro de Arcos, San Froilán, A Milagrosa, San Lázaro da Ponte e Santa María de Teixeiro.

Na celebración, presidida polo Bispo Mons. Alfonso Carrasco, serán confirmados 33 mozos, e unha moza recibirá os tres sacramentos da iniciación cristiá.

A %d blogueros les gusta esto: