O Evanxeo vivo
Dous cursos levamos dúas irmás Misioneiras Eucarísticas na Catedral de Lugo, no espazo do encontro con Xesús eucaristía exposto no altar maior.
San Manuel dicía: «no Evanxeo coñecémolo, e no misterio da Eucaristía, relacionámonos con El». Para evanxelizar é fundamental vivir sen rupturas a relación entre Evanxeo e Eucaristía; así, as dúas realidades convértense en «Evanxeo vivo».
O Espírito que o Señor infunde nos nosos corazóns (cf. Rom 5) é quen nos introduce á verdade do Evanxeo, da presenza de Deus e da súa acción salvífica.
Os tres alicerces do noso labor
A acollida, desde a pedagoxía de Xesús, que acolle persoalmente. Sexa peregrino, adorador, un grupo apostólico ou un turista, a todos ten que chegar o Evanxeo. A catedral ten vida e todos deben notala, para poder responder desde aí, cunha inclinación de cabeza ou unha oración ante o Santísimo, cun xesto ou unha admiración ante a arte que presencian.
A amizade é a ferramenta máis valiosa que temos na posmodernidade para conectar coas persoas. Pola Catedral pasa moita xente coa súa historia persoal. Tentamos conectar con eles e facer un seguimento amigable, presentándolles a Xesús.
A presenza viva: nunha Catedral diferente a todas, con pedras vivas que nos falan de Xesús, tentamos espertar esa sensibilidade eucarística desde a liturxia e o silencio.
O Evanxeo polo camiño eucarístico
San Manuel ensinaba que se chega a un encontro co Evanxeo por medio da Eucaristía; porque, entrando nunha relación profunda co Señor, sente a necesidade de buscalo e seguilo.
Na Catedral, acompañadas pola exposición permanente do Santísimo, procuramos, evanxelizar por medio da Eucaristía.
Irmás Esther e Mónica
Misioneiras Eucarísticas de Nazaret
Gústame esto:
Gústame Cargando...