- 22 de decembro ás 21 h: inauguración do belén da Catedral. Actúa o Orfeón Lucense
- 24 de decembro ás 24 h: Misa de Medianoite. Preside o Sr. Bispo.
- 25 de decembro ás 13 h: Eucaristía de Nadal. Preside o Sr. Bispo. Intervén o Orfeón Lucense
- 26 de decembro ás 20 h Santa Misa. Cóntase co Coro do Hospital
- 30 de decembro ás 20 h Santa Misa e concerto do Orfeón Lucense
- 31 de decembro ás 20 h Te Deum
- 1 de xaneiro ás 13 h Misa da solemnidade de Santa María, Nai de Deus. Preside o Sr. Bispo
- 6 de xaneiro ás 13 h Misa da solemnidade da Epifanía do Señor. Preside o Sr. Bispo
Catedral
O Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia actúa na Catedral
O venres 9 de decembro ás 20:30 h actuará na Catedral de Lugo o Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia, dirixido por Javier Fajardo Pérez-Sindín. O programa chámase ‘Son imprescindibles’, e mostrará parte da música coral galega máis representativa dos últimos 125 anos. Inclúese a Misa solemne na honra ao Apóstolo Santiago composta por Xoán Montes. Na segunda parte do concerto, o coro cantará obras de compositores como Joam Trillo, Margarita Viso ou Fernando Buide.
Reliquias do beato José Gregorio Hernández na Catedral
O 4 de decembro, a Catedral de Lugo acolleu as reliquias de primeiro grao do beato José Gregorio Hernández. Tras unha procesión desde o pazo episcopal ata a Catedral, Mons. Alfonso Carrasco presidiu a Eucaristía solemne. Na homilía sinalou as ensinanzas principais de José Gregorio: 1) ante as dificultades da vida, confiar no cumprimento das promesas do Señor; 2) gardar memoria da historia: José Gregorio é un símbolo da historia e da memoria dos venezolanos; 3) Deus xera nos nosos corazóns, como fixo no de José Gregorio, unha fonte de vida que fai posible a caridade verdadeira, a axuda ao próximo.
A experiencia dun campaneiro
A miña experiencia como campaneiro voluntario remóntase a 1991, cando un compañeiro da Adoración Nocturna -Juan Jesús Valín- e eu subimos ao campanario da igrexa parroquial de Santiago (A Nova) durante as procesións eucarísticas de Corpus Christi e a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia a Xesús Sacramentado. Un ou dous anos máis tarde, pasamos do campanario parroquial ao da Catedral: era a Adoración Nocturna quen se encargaba desa función e pedíanos esa colaboración aos adoradores. Pertenzo á quenda da Nosa Señora do Pilar desde 1988 e ao de San Francisco de Asís desde a súa fundación. Volteei campás con xente pertencente á Adoración Nocturna, con membros das confrarías de Semana Santa, voluntarios da Pastoral Penal e de Radio María, así como con algún amigo persoal. Nun momento determinado, a Xunta de Confrarías de Semana Santa tomou a substitución da Adoración Nocturna na función de xestionar a subida de campaneiros voluntarios á torre do campanario catedralicio.
Foron moitas as veces que subín ao campanario da Catedral -ao redor de tres décadas facéndoo- e en todas as ocasións resultou unha experiencia sumamente gratificante: pola sensación de resultar útil á diocese e pola xente excelente que me acompañou, sen regatear esforzo algún, nesa bonita tarefa.
Normalmente, sóbese en tres ocasións ao ano: Domingo de Pascua de Resurrección, para acompañar o acto do Santo Encontro, o domingo de Corpus Christi e o seguinte domingo, o da Oitava de Corpus, para contribuír á solemnidade das procesións que teñen lugar tras a correspondente celebración eucarística. Tamén o fixemos por outros motivos: xornada mundial pola paz, renuncia do Papa Benedito XVI ou declaración da Catedral de Santa María de Lugo como ben Patrimonio da Humanidade -vinculado ao Camiño Primitivo de Santiago- pola UNESCO. Lembro o funeral por frei José Gómez, un día frío e chuvioso, no que tocamos a defuntos cunha sensación tan triste como a meteoroloxía do día. Uns días despois, nun día asollado, tocabamos alegremente para recibir a D. Alfonso Carrasco como novo pastor da diocese.
Debo facer algunha referencia ao estado do campanario da Catedral. Varias das campás menores están fóra de uso, deterioradas. E o badalo da Froilana, desprendido e sen repor. No primeiro caso, a solución é complicada, pois unha campá rota non pode repararse sinxelamente, require outra solución. Ignoro se nalgún momento, co plan de restauración de catedrais, reporanse ou non as campás menores e se o sistema se automatizará, como no caso da Catedral compostelá. No segundo caso, repor o badalo da campá maior, non ten especial dificultade.
Finalizo expresando a miña gratitude á Adoración Nocturna, Xunta de Confrarías e Cabido catedralicio, que me brindaron a posibilidade de vivir unha experiencia tan fermosa. E por suposto, a toda a boa xente coa cal tiven a oportunidade de compartir esa experiencia.
José Francisco Ruiz-Giménez Tuñas
Celebración de Santa Icía
Con motivo da celebración da patroa da música, Santa Icía, a Diocese e a Catedral organizan unha serie de actos na basílica lucense:
O 22 de novembro ás 20.00 h. na Eucaristía solemne Catedral de Lugo intervirán as seguintes agrupacións musicais: Cantar Delas, Conxunto Vocal Lugh, Coral Amigos do Camiño, Coral Ecos do Miño, Coro do Hospital de Lugo, Grupo Vocal Sólo Voces, Orfeón Lucense, Orfeón Xoán Montes, Schola Gregoriana Lucensis
E o mércores 23 de novembro ás 21 h na Capela do Bo Xesús da Catedral terá lugar un concerto no que actuarán Concentus Lucensis, Coro do Hospital, Orfeón Lucense e Solo Voces na parte coral. E na parte instrumental tamén intervirán os organistas Nicolás Varela e Giulio Mercati.