Desde o día 10 de outubro, os diocesanos e cidadáns de Lugo deberiamos celebrar con gran algarabía a graza do gran privilexio que acabamos de recibir. Aínda faltaban uns días para o día da clausura do Ano da Misericordia na Catedral, cando chegaba o noso Bispo de Roma cunha gran cesta de “pans e peixes” debaixo do brazo. O beneficio da graza da Indulxencia Plenaria cotiá e perpetua concedida, de novo, pola Santa Sé á Igrexa Catedral Basílica de Lugo non é un acontecemento menor. Se recentemente recibimos, con alegría, a declaración dos nosos camiños do Norte e Primitivo e das nosas catedrais (Lugo e Mondoñedo) como Patrimonio da Humanidade, non debería ser menos este plus espiritual que agora se engade ao xa recoñecido patrimonio inmaterial da humanidade. Aquí, nas rutas destes camiños xacobeos, na Cidade do Sacramento, no interior dunha fermosa Catedral onde está secularmente exposto día e noite o Señor sacramentado, aquí, pódese gañar a Indulxencia plenaria cotiá e perpetua.
É un gran milagre que me parece lexítimo comparar co relato evanxélico da multiplicación dos pans e os peixes. É unha dignación de Deus e da Igrexa para Lugo que, como católicos, e tamén como cidadáns, debemos agradecer, valorar e aproveitar, primeiro espiritualmente e despois como consecuencia diso, cultural e turísticamente.
Espiritualmente, porque a Indulxencia é un gran don para todos nós. Ela vai unida inseparablemente aos sacramentos do Perdón e da Eucaristía, á comuñón eucarística e, en consecuencia, á caridade, ás obras de misericordia, e á solidariedade cos máis necesitados. Porque a Eucaristía esíxenos proximidade cos que se atopan sós, enfermos, con fame e sede, explotados polas inxustizas, estranxeiros sen fogar, encarcelados que queren ser escoitados e refacer a súa vida…
A Indulxencia lévanos a experiencias de oración ante o Santísimo e á pregaria en comuñón coas intencións do Sumo Pontífice. Experiencias de fe que sen dúbida son sanadoras para quen pola súa conduta ou pola súa forma de vida habitual están afastados da graza. Pénsese en quen delinquen habitualmente ou se alistan en grupos criminais, os promotores ou cómplices de corrupción, os que non conseguen romper cunha situación permanente de pecado grave facéndose dano a si mesmos e á convivencia social.
Lugo convértese así, por este beneficio, nun lugar privilexiado para deixarse tocar o corazón, para borrar a pegada negativa e a pena temporal que os pecados teñen nos nosos pensamentos e comportamentos. Hai accións tan terribles no ser humano que soamente se poden cancelar a través da solidariedade e da fraternidade en comuñón coa Igrexa: isto é o que significa a indulxencia. Se polo perdón sacramental (ou polo menos o desexo deste se non é posible recibilo) Deus libéranos das consecuencias que para a eternidade terían os nosos pecados graves, a pena temporal que debemos satisfacer nesta vida ou no purgatorio cancélase polas indulxencias mercé á mediación da Igrexa e da comuñón dos santos. Así, a Igrexa é capaz coa súa oración e a súa vida de saír ao encontro da debilidade duns coa santidade doutros. Vivir a Indulxencia significa pois, achegarse á misericordia do Pai coa certeza de que o seu perdón alcanza toda a vida do crente. Velaquí o sentido de solidariedade e responsabilidade da Igrexa na rehabilitación e sanación dos enfermos polo pecado. En conclusión, a Indulgencia é un favor que debemos acoller con gozo porque nos recorda que non hai un momento na nosa vida no que non podamos tomar un novo camiño. Cada vez que agora en diante, entremos polas portas da nosa Catedral, poderemos orar e cantar ao Amor dos amores coa certeza de que Deus sempre sae ao encontro daqueles que o buscan.
J. Mario Vázquez Carballo
Vicario Xeral
Gústame esto:
Gústame Cargando...