Aniversario da dedicación da Catedral de Lugo

 

O 30 de agosto celébrase a dedicación da Santa Igrexa Catedral Basílica de Lugo, con categoría de solemnidade. “Dedicación” significa “consagración” dun lugar ou dun obxecto (sobre todo o altar) a un uso sacro.

Coa festa da consagración da basílica de Santa María de Lugo celebramos a súa construción como un símbolo da nosa identidade máis profunda: todos somos “templos vivos” de Deus.

Celebramos a construción do templo como unha imaxe da Igrexa universal construída das “pedras vivas” das persoas bautizadas.

 

Investigación sobre a Catedral de Lugo presentada no Simposio Internacional sobre o Doutoramento en Educación

O 15 de maio, o director do Museo Diocesano Catedralicio de Lugo, Marcos Calles, presentou na Universidade de Santiago de Compostela unha investigación sobre a Catedral de Santa María de Lugo dentro do Simposio Internacional sobre o Doutoramento en Educación. A investigación leva por título “O papel da Catedral de Lugo dentro da materia de Xeografía e Historia en Educación Secundaria en Galicia”.

Continúan as investigacións vinculadas á Catedral de Lugo e ao Museo Diocesano Catedralicio de Lugo, achegando ao conxunto de investigadores e investigacións novas propostas sobre unha basílica que dentro duns poucos anos celebrará o 900 aniversario da súa reedificación.

Comunicación de Marcos Calles sobre a evolución artística da Catedral de Lugo

O Festival Internacional Pint of Science celébrase simultaneamente en varios paises durante uns días de maio para divulgar a ciencia dun xeito ameno en lugares de lecer.

O primeiro día -luns13- desenvólvese no Mesón do Forno, (Rúa Río Ser, 12 Lugo) baixo o título “Do patrimonio e a memoria”. A Catedral de Lugo será a protagonista da primeira comunicación: ás 18 h o director do Museo Diocesano Catedralicio, Marcos Calles Lombao, profundizará no coñecemento da basílica. Tamén se falará dos aneis gravados na madeira das árbores. E finalmente daranse a coñecer os últimos avances no tratamento do Alzheimer.

Entrada libre.  [Noticia]

Investigacións sobre a Catedral de Lugo nun Congreso na Universidade Complutense de Madrid

O 15 de abril presentáronse no Salón de Actos da Universidade Complutense de Madrid dúas investigacións inéditas sobre a Catedral de Lugo.

Dentro do Congreso Internacional “Usos e Costumes nas Catedrais Hispanas até 1700” presentouse unha investigación sobre a evolución do culto á Nosa Señora dos Ollos Grandes durante a Idade Moderna, realizada por José Antonio Ferreiro Varela e Jesús Salvador López (na imaxe). Por outra banda tamén se presentou unha investigación sobre os enterros dos Bispos na Catedral de Lugo, realizada por Marcos G. Calles Lombao.

O congreso celebrarase até o vindeiro 17 de abril e supón un punto de encontro de investigadores vinculados ás catedrais de España.

Estes traballos sairán publicados nunhas actas proximamente.

Fonte: facebook.com/catedrallugo

Actividade de interpretación do patrimonio na Catedral

O sábado 17 de xuño, na Catedral de Lugo desde as 10 h até as 14 h, organízase unha procura de iconografía eucarística. As persoas que desexen participar nesta actividade recibirán un documento no que se lles propón buscar e atopar seis imaxes vinculadas ao Santísimo Sacramento que están na Catedral como, por exemplo, a custodia de Diego Castejón y Fonseca, a primeira custodia onde estivo exposto o Santísimo Sacramento ou ese primeiro lugar onde estaba exposto o Santísimo no antigo retablo da Capela Maior.

A idea principal desta actividade é que os visitantes tomen conciencia da tradición eucarística lucense, nunha data tan destacada como é a previa á Ofrenda do Reino de Galicia (celebrarase o domingo, 18 de xuño, ás 11 h). Todo na Catedral de Lugo fálanos do Santísimo Sacramento e do seu culto, e isto vese reflectido, tamén, nos distintos soportes da arte.

A Catedral e o Museo Diocesano e Catedralicio de Lugo culminan así as actividades de interpretación do patrimonio vinculadas ao Corpus Christi

A %d blogueros les gusta esto: