Pido perdón
Hai xa anos que cursei os estudos e lembro con agrado a moitos profesores, incluído o de relixión. Grazas a esta asignatura puiden entender mellor a nosa realidade. Somos herdeiros dunha cultura impregnada de cristianismo, queirámolo ou non.
Quixera pedir perdón por, máis tarde, estudar unha carreira e seguir formándome ata chegar a ser docente. Hoxe, como daquela, sinto un enorme respecto polo ensino e por cumprir, o mellor que sei, todas as obrigas ás que, como profesor, me debo. Pido perdón por gastar a miña vida e ilusión en querer formar o mellor que sei aos rapaces e rapazas que ante min se presentan. Perdón por tentar escoitalos, estimular os seus sentidos critico e creativo, por alentalos, instruilos. Perdón por falarlles de libros, de valores, de que un mundo mellor é posible, de ideais, de sentido da vida. Perdón por darlles ferramentas que lles poidan axudar a entender mellor a música, a arte, a literatura, a historia, a filosofía, as outrasrelixións. Perdón por sentirme como un membro máis do claustro, coas obrigas e dereitos que conleva, por tentar botar unha man para que os plans do centro saian adiante… por facer gardas, axudar na biblioteca, formar parte do consello escolar, colaborar e programar actividades extraescolares e complementarias… En fin, por ser un máis que asume a fermosa tarefa de axudar a que as vindeiras xeracións vaian o mellor formadas posible, en todos os ámbitos. E pido perdón por cobrar por iso en tempos de crise cando tanta xente traballa de balde, mais a hipoteca o esixe. Vén todo isto ao artigo que apareceu no xornal El Progreso o día 25 de novembro asinado por Miguel Olarte, titulado “Dios es de Bilbao”
Estimado periodista, formo parte deses miles de profesores de relixión que tentamos formar aos alumnos e alumnas para que saiban entender o que di o Papa, para que non digan inexactitudes ou apoien as súas crenzas en presupostos irracionais… pois a fe pode e deber ser razoada, aínda que ti non atines a velo. Lamento o tono irónico e non logro entender qué se pretendía co mesmo… pero, como moi ben dis, Deus tamén é de Bilbao, faltaría máis!
Jorge López