Benqueridos irmáns,
O TRABALLO é unha realidade constitutiva da vida do home, e por iso necesariamente importa moito tamén á Igrexa Católica. Xa no 1891 o Papa León XIII na Rerum Novarum (nº 1) referíase así a situación dos traballadores: ” O tempo foi insensiblemente entregando aos obreiros, illados e indefensos, á inhumanidade dos empresarios e á desenfreada cobiza dos competidores. Fixo aumentar o mal a voraz usura, que, reiteradamente condenada pola autoridade da Igrexa, é practicada, con todo, por homes codiciosos e avaros baixo unha aparencia distinta. Engádase a isto que non só a contratación do traballo, senón tamén as relacións comerciais de toda índole, áchanse sometidas ao poder duns poucos, ata o punto de que un número sumamente reducido de opulentos e adiñeirados impuxo pouco menos que o xugo da escravitude a un xentío infinito de proletarios”.
Dende León XIII o maxisterio da Igrexa sobre esta cuestión é crecente e ininterrompido, acompañando o compromiso constante de innumerables católicos na defensa dos traballadores e da súa dignidade ata os nosos días. Nos tempos actuais a Igrexa celebra ademais cada 7 de outubro unha Xornada Mundial polo Traballo Decente. Preocúpanse desta problemática especialmente as nosas Cáritas, CONFER, HOAC, Xustiza e Paz, JEC, JOC… como se pode ver na súa páxina www.iglesiaporeltrabajodecente.org . A Xornada pretende manter e impulsar o esforzo por mellorar a dignidade dos traballadores e das súas condicións de traballo.
A última Enquisa da Poboación Activa do 25 de xullo de 2019 dábanos o dato de que o número de parados en España é 3.230.600, é dicir, que non traballaron nin sequera unha hora con remuneración en diñeiro ou en especie na semana anterior a ser entrevistados. Ademais non debemos esquecer os ocupados con contrato temporal (parados temporais) que son 4.399.800 e os contratados a tempo parcial (parados a tempo parcial) que son 2.951.500, o que pon de manifesto o gran número de persoas que están afectadas dalgunha maneira polo paro, xa que as tres cifras suman 10.581.900 persoas. É importante ter conciencia destes datos que a EPA nos pon de manifesto, que non nos permiten a pasividade e menos aínda a indiferenza ante a gravidade da situación.
Recordemos que o traballo digno coa súa remuneración xusta sería, en palabras de Bieito XVI: “Un traballo que, en calquera sociedade, sexa expresión da dignidade esencial de todo home ou muller: un traballo libremente elixido, que asocie efectivamente ós traballadores, homes e mulleres, ó desenvolvemento da súa comunidade; un traballo que, deste modo, faga que os traballadores sexan respectados, evitando toda discriminación; un traballo que permita satisfacer as necesidades das familias e escolarizar ós fillos sen que se vexan obrigados a traballar; un traballo que consinta ós traballadores organizarse libremente e facer oír a súa voz; un traballo que deixe espazo para reencontrarse adecuadamente coas propias raíces no ámbito persoal, familiar e espiritual; un traballo que asegure unha condición digna ós traballadores que chegan á xubilación” (Caritas in Veritate, 63).
O manifesto desta Xornada comprométenos a traballar, en particular, para que:
“-Todos os poderes públicos se comprometan de forma activa na construción dun sistema económico, social e laboral xusto, fraterno e sustentable que sitúe á persoa no centro.
– O traballo sexa garante de dignidade e xustiza, así como do desenvolvemento integral da persoa, das súas capacidades, dons e vocación, empezando polas persoas máis descartadas e excluídas.
-O traballo sexa fonte de recoñecemento social e persoal, a través da dignificación dos coidados, con novas formulacións de políticas sociais, de xénero e educativas en igualdade entre mulleres e homes, sen esquecer o dereito a unha conciliación real da vida familiar e laboral.
– O traballo é para a vida, polo que é imprescindible que se realice nunha contorna de seguridade e saúde, con condicións que garantan a integridade física e psíquica da persoa”.
Para levar adiante esta tarefa imploro a forza do Espírito, que sosteña o noso camiñar fraterno na verdade e na caridade.
Que Deus bendiga o traballo de todos nós.
+Alfonso Carrasco Rouco
Bispo de Lugo