Carta dos bispos de Galicia sobre a ensinanza relixiosa

Queridos pais/nais

Unha vez máis os bispos de Galicia dirixímonos a vós para falarvos da importancia da educación relixiosa dos vosos fillos.

Seguramente, nestes días, estades recibindo dos centros educativos, unha solicitude para realizar a petición para que poidan recibir a formación relixiosa. Queremos recordarvos que a formación relixiosa é:

Unha necesidade. O ensino relixioso contribúe ao desenvolvemento integral da persoa. A finalidade máis profunda da educación é potenciar todas as dimensións da vida, tamén a relixiosa que é parte esencial de toda persoa e da nosa cultura. Nunha sociedade onde o relixioso é, ás veces, criticado ou desprezado, pedímosvos que non vos deixedes levar por unha mal chamada modernidade que pretende desterrar a relixión da vida, da sociedade e dos centros educativos e procuredes proporcionar aos vosos fillos unhas actitudes e valores indispensables para levar unha vida con sentido nunha sociedade, ás veces, tan carente de valores persoais, sociais e relixiosos.

Sen dúbida queredes que os vosos fillos progresen no coñecemento de matemáticas, sociais ou literatura. Pero non permitades que crezan sen unha cultura impregnada de cristianismo e formación relixiosa católica.

Un dereito. O saber relixioso non pode quedar á marxe dos procesos educativos. A presenza da relixión no marco escolar non é unha concesión que un goberno permite segundo a súa ideoloxía ou un privilexio que reclaman as Confesións Relixiosas. É un dereito fundamental que os pais tedes recoñecido e garantido pola Constitución, as leis educativas, e implantado en toda Europa.

Na educación dos vosos fillos sodes vós, e só vós, os que tedes ese dereito. Todo goberno que se proclame democrático e as institucións educativas, sociais e sindicais deben respectar o dereito a que os vosos fillos sexan educados segundo as vosas conviccións relixiosas e morais. Non existe ningunha razón de aconfesionalidade ou dun mal chamado progresismo que poida privarvos dese dereito que tedes como pais.

Non permitades que sexan outros os que marquen a educación dos vosos fillos. Ese é un dereito voso.

Unha responsabilidade. Hoxe queremos facervos unha chamada á vosa responsabilidade educativa. Non permanezades indiferentes ante o dereito e o deber de solicitar o ensino relixioso nos centros educativos. Recordade o compromiso cristián que asumistes no seu bautismo. Supoñería unha contradición pedir, na parroquia, os sacramentos e desprezar despois o ensino relixioso nos colexios.

A fe e a mensaxe do Evanxeo non son inimigos da felicidade persoal nin do ben da sociedade. Os cristiáns cremos que en Xesucristo e a súa Palabra atopamos aqueles valores que poden darnos o pleno sentido da vida, do mundo e da historia. O ensino relixioso pretende, en diálogo coas demais materias, ofrecer a resposta cristiá ás grandes preguntas da vida para atopar nela a luz que lles ilumine en todos os momentos da súa vida.

Solicitade, de forma consciente, libre e responsable o ensino relixioso para os vosos fillos.

Co noso agradecemento e apoio aos sacerdotes, aos pais e profesores que entregades xenerosamente o mellor de vós na importante tarefa da educación, bendicímosvos con afecto no Señor e encomendámosvos nas nosas oracións.

 

Julián, Arcebispo de Santiago. Luis, Bispo de Tui-Vigo. Alfonso, Bispo de Lugo. José Leonardo, Bispo de Ourense. Luis Ángel cmf, Bispo de Mondoñedo-Ferrol. Jesús, Bispo Auxiliar de Santiago.

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: